PRIMARIAS NO PSDEG

Leiceaga imponse a Méndez Romeu e será o candidato do PSdeG á Xunta

A militancia do PSdeG decidiu que Xaquín Fernández Leiceaga será o candidato da formación socialdemócrata á presidencia da Xunta. Leiceaga impúxose a José Luis Méndez Romeu ao acadar o 55,67% do apoio da militancia.

Xoaquín Fernández Leiceaga
photo_camera Xoaquín Fernández Leiceaga

Con 3.662 votos, o 55,67%, Xaquín Fernández Leiceaga resultou o vencedor das eleccións primarias que realizou este sábado o PSdeG para elixir o candidato á Xunta de Galiza. O profesor de Economía Aplicada da USC impúxose a Méndez Romeu, o outro aspirante a encabezar o cartel electoral do PSdeG nos comicios galegos, que acadou 2.916 papeletas, o 44,33%.

Segundo informa o PSdeG nun comunicado de imprensa, foron 6.700 as persoas militantes que participaron nas votacións sobre un censo de 10.324; é dicir, participou das eleccións primarias un 65% da militancia.

Leiceaga gañou en Pontevedra, Ferrol e Lugo e Méndez Romeu, na Coruña, Santiago e Vigo. Foi nesta última cidade onde se produciu a vitoria máis avultada, pois Méndez Romeu sacoulle a Leiceaga 290 votos.

Resultados oficiais

No comunicado de imprensa enviado, o PSdeG deu conta dos resultados a nivel provincial, seguindo a estrutura da organización desta forza política. Así, na provincia da Coruña votaron 2.375 persoas (un 62,09%) e Fernández Leiceaga obtivo 1.489 votos, fronte aos 834 de Méndez Romeu.

Na provincia de Ourense, votaron 942 persoas (un 65,64%). Fernández Leiceaga obtivo 443 votos e Méndez Romeu 479. Na provincia de Pontevedra, votaron 1.937 persoas (un 65,82%). Fernández Leiceaga obtivo 806 votos e Méndez Romeu 1.093 e na provincia de Lugo, votaron 1.446 persoas (un 68,18%). Fernández Leiceaga obtivo 924 votos e Méndez Romeu 510.

Partidario dos pactos coas mareas

Nas últimas semanas, e ao contrario que o seu adversario nas eleccións primarias, Leiceaga caracterizouse por lanzar na súa campaña apelacións á unidade e por expresar publicamente a intención de chegar a acordos postelectorais coas mareas.

Precisamente foi esta a principal diferenza entre as dúas candidaturas, pois Méndez Romeu, detrás do que se atopa Abel Caballero, pronunciouse en reiteradas ocasións contrario a pactar coas mareas. De feito, o veterano socialdemócrata tiña apuntado que sería unha catástrofe para Galiza a chegada das mareas á Xunta.

Quen apoiou quen?

Nas semanas previas á realización das eleccións primarias, os dous aspirantes foron sumando apoios por parte dos compañeiros e compañeiras do partido. Méndez Romeu foi apoiado publicamente polo alcalde de Vigo e os seus acólitos, como o caso de Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra. Tamén o apoiaron Mar Barcón e Beatriz Sestayo, Xosé López Orozco, Xosé Sánchez Bugallo e Francisco Caamaño.

Leiceaga fora apoiado publicamente pola corrente Esquerda Socialista e En Positivo-Novo Proxecto Socialista Galego, así como por Valentín González Formoso e Darío Campos, presidentes das Deputacións da Coruña e Lugo.

Comentarios