23-X

Miñóns reivindica Sánchez como "o presidente máis galego da historia" polo seu "compromiso coa Galiza"

O ministro de Sanidade e candidato ao Congreso insta a cidadanía a "pensar ben" o voto ao PP: "Está a escoller Abascal de vicepresidente".
José Miñóns visitou este sábado a Feira medieval de Betanzos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera José Miñóns visitou este sábado a Feira medieval de Betanzos. (Foto: Nós Diario)

O ministro de Sanidade e cabeza de lista do PSOE pola circunscrición da Coruña, José Miñóns, instou este sábado a cidadanía a "pensar ben" o voto que depositarán nas urnas o próximo 23 de xullo e advertiu: "Se colle a papeleta do PP, está a coller tamén a papeleta de Vox, e está a escoller de vicepresidente Abascal". Nun acto de campaña no municipio de Betanzos (As Mariñas), Miñóns insistiu en que "cando se colla a papeleta" do PP debe saberse que "dereitos que se crían garantidos, xa non o están". "Retrocederanse 40 ou 60 anos", augurou.

En fronte estará, destacou, a papeleta do PSOE que "garante avance". Por iso, o ministro afirmou que se trata dunha campaña "moi importante", xa que están en xogo "dúas formas distintas de afrontar o futuro". Falou tamén dos investimentos do Goberno estatal na Galiza e, en concreto, na provincia da Coruña, e puxo como exemplo o dragado da ría do Burgo ou o parque do Pasatempo, precisamente en Betanzos.

Tras isto, afirmou que Pedro Sánchez é "o presidente máis galego de toda a historia". "Por riba de ser ou non da Galiza, senón polo compromiso que ten por esta terra", apuntou. Tamén pediu aos pensionistas "que o pensen ben o 23 de xullo", do mesmo modo que aos mozos e mozas, ás que o Goberno, asegurou, axudou coa bonificación do transporte ou co sistema de bolsas.

"Pactos da vergoña"

José Miñóns criticou os "pactos da vergoña" de PP e Vox en diferentes comunidades autónomas e municipios do Estado español e, neste sentido, manifestou que "durante moito tempo" os populares "ocultaron o que querían facer" e tamén "ocultan algo tan básico como canto [diñeiro] gaña" o seu líder e candidato á Presidencia, Alberto Núñez Feixoo.

"Ocultáronnos todo, pero caeu a careta. Agora temos referentes do que queren para España. Eses pactos lévannos a perder dereitos das mulleres, dereitos LGTBI, dereitos dos traballadores ou dos pensionistas. Moitos votantes do PP avergóñanse e a eles pedímoslles o voto para frear esta dereita extrema e á ultradereita. Só hai un partido que pode facelo: o PSOE", reivindicou.

Ante esto, expuxo que os socialistas queren "rebaixar as listas de espera" ou que os mozos "non só teñan as bonificacións de transporte polas consecuencias da crise", así como apostar por "loitar contra o cambio climático".

En contraposición, engadiu, sitúase o PP "cos seus socios negacionistas, que negan a violencia machista, o cambio climático, os antivacunas, os antiabortistas". Por iso, volveu insistir en que o 23 de xullo, cando se colla a papeleta popular, hai que "pensalo ben".

Comentarios