O alcalde de Ferrol aposta en "reformular" o espazo

Jorge Suárez: “O Consello das Mareas non representa todo o espazo”

O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, defende o portavoz de En Marea, Luís Villares, mais sinala que “non lle queda outra que tomar medidas”. Denuncia que o Consello das Mareas “non representa todo o espazo”.

Jorge Suárez
photo_camera Jorge Suárez

Jorge Suárez, líder de Ferrol en Común e alcalde da localidade puxo de manifesto este domingo nunha entrevista concedida a Radio Galicia, Cadena Ser, que Luís Villares, portavoz de En Marea, “ten todo o meu apoio, respeito e respaldo a nivel persoal e político, outra cousa é que o Consello e a dirección que actualmente conforma En Marea están protagonizados por actores minoritarios que non representan a pluralidade do espazo”.

Acaba parecendo un "estigma" estar afiliado a un partido político que forma parte de En Marea, sinalou Jorge Suárez

Neste contexto, Jorge Suárez apelou a resolver “canto antes” o que considera unha “falta de representatividade do Consello das Mareas”. Nas súas palabras, “non representa todo o espazo”. Ademais, lamentou que na dirección de En Marea se “menosprece” as organizacións políticas que “sempre estiveron apostando na unidade popular”. Sinalou que acaba parecendo que é “un estigma” estar afiliado a un partido político que forma parte de En Marea [el é militante de Esquerda Unida].

"Unha cosa é Villares, a súa relevancia, o papel que xoga dentro de En Marea e outra como debe conformarse ese espazo, que debe fuxir da estrutura dun partido vertical tradicional", acrecentou Jorge Suárez, quen apuntou que, "para iso", xa existen outros espazos "de índole nacionalista".

Estabilizar o rumo do barco

Perante a situación interna que vive En Marea, o alcalde de Ferrol apostou en “estabilizar o rumo do barco” de maneira “urxente” antes de que teñan lugar as eleccións municipais e sinala que debe facerse “tomando como modelo as cidades”.

“Levamos moitísimo tempo e moitísimo desgaste, nótase nas enquisas, falando de nós mesmos, dos nosos conflitos"

Jorge Suárez fixo fincapé en que o proxecto de En Marea non está esgotado, mais avoga por reformulalo para que todas as partes se sentan representadas. “Levamos moitísimo tempo e moitísimo desgaste, nótase nas enquisas, falando de nós mesmos, dos nosos conflitos e todo o traballo excelente que se está facendo no Parlamento, en defensa da clase traballadora, dos colectivos agredidos, da sanidade pública e a educación… non están tendo a relevancia necesaria”, afirmou.

Neste contexto, o alcalde ferrolán cre que as partes que conforman En Marea que “traballan pola unidade e non teñen representación” deben “acabar o papel que lles corresponde”, mais non por un “sistema de cotas de poder”, senón porque “foron os que estiveron desde o principio apostando na unidade e renunciaron con toda a xenerosidade ás súas siglas para conformar un proxecto de unidade popular”.

Comentarios