VÍDEO

Belarra: "O Goberno ofreceu a Irene Montero ser embaixadora para que deixase de dar problemas"

"Cando mo propuxeron, eu dígovolo honestamente, boteime a chorar, porque me deu moita rabia", asegura a líder de Podemos.
Ione Belarra e Irene Montero, esta segunda feira, na presentación da candidatura de Podemos para as eleccións europeas. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera Ione Belarra e Irene Montero, esta segunda feira, na presentación da candidatura de Podemos para as eleccións europeas. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

A líder de Podemos, Ione Belarra, asegurou esta segunda feira que desde o Goberno de coalición de PSOE e Sumar ofreceuse á ex ministra de Igualdade, Irene Montero, ser embaixadora para darlle unha "saída política" e que así dese un "paso para o lado" e "deixase de dar problemas". Afirmouno durante a presentación en Madrid da lista de Montero nas primarias do partido para as eleccións europeas, ao recalcar que cando tivo coñecemento dese posíbel ofrecemento botouse "a chorar" de "rabia".

"Irene tería moi fácil ter o que eles chaman unha saída política. A min ofrecéronme unha saída política para Irene, 'algo bonito', unha embaixada. Unha saída que a sacase de España e que fixese que deixase de dar problemas. Cando mo propuxeron, eu dígovolo honestamente, boteime a chorar, porque me deu moita rabia", manifestou, en relación ás conversas para conformar o Goberno de coalición.

Sen recalcar se ese ofrecemento veu de Sumar, con quen mantiñan coalición até a ruptura no Congreso, ou do PSOE, Belarra limitouse a dicir que tanto Montero como a súa formación rexeitaron ese "paso para o lado", o que evidencia, ao seu entender, o "compromiso" da ex ministra coa candidatura de Podemos ás eleccións europeas.

 

"Cando decidimos dar este paso adiante, fixémolo moi conscientes do que implicaba e do custo que ía ter unha vez máis dar a pelexa e querer pór en pé a esquerda transformadora que quixeron tirar ao chan nestes últimos meses", profundou a líder de Podemos.

Tamén defendeu que o que representa Montero para o Estado español é "moi importante e necesario", dado que ten unha traxectoria política e unha serie de logros en materia de feminismo que "moitas persoas en toda unha vida de política desexarían ter". "Sería moi fácil para ela dar un paso para o lado ou buscar fóra de España esa saída política. E con todo Irene decidiu dar un paso adiante, decidiu botarse ás costas unha campaña moi difícil pero moi importante", agregou.

Tamén resaltou que nas eleccións europeas está en xogo que o Estado español teña unha "esquerda verdadeiramente transformadora" e que "non asuma os límites do PSOE como o que hai [agora no Goberno], unha esquerda que non se conforme", indicou, en alusión velada a Sumar.

Comentarios