As chaves do informe político e de xestión do Consello Nacional do BNG aprobado polas bases
Con 92,3% de votos a favor, a XVIII Asemblea Nacional do BNG deu este domingo en Compostela o seu visto bo ao Informe político e de xestión presentado polo Consello Nacional da formación, un documento que sintetiza eixos do traballo dos últimos tres anos, desde a súa elección en novembro de 2021, e que conclúe salientando os "grandes logros e importantes avances" deste período, mais coa vista posta tamén en "todas as cuestións que se deben corrixir e mellorar para seguir mantendo unha organización viva e activa".
Desde aquela até o momento actual o contexto marcárono até catro procesos electorais —municipais e estatais en 2023 e galegas e europeas en 2024— e mais a "deterioración da situación socioeconómica da Galiza", destaca o texto, facendo alusión á "crise de prezos que se prolongou durante o ano 2022 e parte de 2023" con "grande afectación negativa sobre as maiorías sociais" do país. E se hai tres anos se "celebraba" a "recuperación e o fortalecemento" da organización nacionalista despois de "numerosas dificultades e situacións adversas", agora a situación é máis favorábel: "Continuamos nunha senda de avance e consolidación, tanto do punto de vista electoral como organizativo, contribuíndo á referencialidade política do nacionalismo galego", afirma o Consello Nacional.
Análise electoral
A primeira cita electoral deste período, as municipais do ano pasado, deixou no seo do BNG un sabor máis doce que agre. As 265 candidaturas presentadas por todo o país reportaron un total de 591 concelleiros e concelleiras —135 máis que nos comicios de 2019— e 36 alcaldías —cinco máis—, aumentando a representación en seis das sete cidades e entrando nos gobernos das deputacións da Coruña e de Lugo. Porén, debido ao "retroceso experimentado nalgúns casos, mesmo coa perda de gobernos municipais", o informe chama a ser "conscientes das debilidades e da constatación da necesidade de corrixir as eivas detectadas ao longo do territorio, pondo o foco na importancia de atender a organización e o seu reforzamento, un desafío para o "curto prazo".
Dous meses despois chegaron as eleccións estatais, que pola rápida convocatoria —inmediatamente despois das municipais— supuxeron un "gran reto" que "deixou á vista as fortalezas do BNG mais tamén algunhas das feblezas existentes", que o Consello Nacional pide "detectar e corrixir" para seguir avanzando.
A ollos da actual dirección, as galegas deste ano, nas que se logrou un resultado "extraordinario e histórico" —31,3% dos votos e 25 deputadas e deputados—, afianzou o Bloque como "a única alternativa fronte ao PP", así como no que ten a ver "coa potencialidade do nacionalismo galego" para "acadar o obxectivo da hexemonía na Galiza".
Finalmente, nas europeas, ás que a formación galega concorreu de novo da man de ERC, EH Bildu e outras forzas soberanistas do Estado —baixo o paraugas de Agora Repúblicas— para obter "o mellor resultado dos últimos 20 anos", con algo máis de 16% dos sufraxios na Galiza, o que representa un incremento de 4 puntos a respecto de 2019 —cando as europeas coincidiron coas municipais— e 8 máis que en 2014.
"Estes resultados constatan, novamente, que as decisións que colectivamente tomamos no pasado e en circunstancias ben adversas foron as correctas. A aposta por manter unha forza política propia, non supeditada a ningunha outra de obediencia española; a defensa firme do principio de autoorganización do pobo galego, e, en definitiva, a de confiarmos nas nosas propias forzas, con coherencia, empeño e determinación", asegura o texto, que se gaba tamén da "boa elección nos perfís das candidaturas, así como o traballo político desenvolvido, trasladando unha imaxe de fortaleza e unidade".
Sanidade, medio ambiente, economía e outros fitos
O Consello Nacional do BNG pon tamén o foco no "recruamento da ofensiva de espolio colonial", que exemplifica nos casos da 'macrocelulosa' que a sociedade Greenfiber —conformada pola enerxética galega Greenalia e a pasteira lusa Altri— proxecta na comarca da Ulloa, a posíbel reapertura da mina de cobre de Touro e O Pino, as prospeccións mineiras nas chamadas "terras raras" por diferentes puntos do país, a presentación de numerosos proxectos eólicos tanto terrestres como mariños ou a mina de San Finx, caso este último do que o informe salienta a "presión política do nacionalismo e a presión social" para que se revogase a autorización de verteduras.
Cuestións todas elas que evidencian, a ollos da organización nacionalista, "o devastador efecto das políticas da Xunta de Galiza, do Goberno español e da Unión Europea". "Fronte a isto, o BNG reaxiu, acompañando, impulsando e organizando a resposta social", asegura.
Tamén fai alusión o informe á situación da sanidade galega neste período, que ve "ao bordo do precipicio", nomeadamente unha atención primaria "colapsada e moi deteriorada" e que "arrastra as consecuencias de anos de recortes orzamentarios". "Durante este período a nosa organización puxo de relevo a situación de agravamento do deterioro da sanidade pública tanto a través de campañas propias como co traballo desenvolvido pola nosa organización no seo da Plataforma SOS Sanidade Pública, así como doutras plataformas de carácter local e/ou comarcal, apostando pola resposta social e mobilizadora fronte á política de destrución do sistema sanitario público galego que o PP desenvolve", subliña.
No que ten a ver co contexto económico, o documento salienta que o BNG estivo presente nestes tres últimos anos, tanto fomentando a mobilización social desde as rúas como propondo alternativas —sinala—, denunciando a situación "crítica" provocada pola "carestía de vida", cunha crecente inflación "que se intensificou en 2022 e parte de 2023, golpeando as clases populares do país e incidindo no proceso de empobrecemento social xeneralizado".
O informe da dirección do BNG menciona tamén a defensa da memoria democrática, destacando a devolución ao Estado do pazo de Meirás ou o arquivo definitivo da causa interposta pola familia Franco e mais a Fundación que enxalza a figura do ditador contra 19 militantes do BNG que en 2017 participaron dunha acción simbólica neste recinto, mais chama a seguir avanzando até conseguir "a eliminación de toda a simboloxía franquista" e a recuperación da Casa Cornide ou das esculturas do Pórtico da Gloria. E, igualmente, repudia "contundentemente todo o que representan a monarquía española e a corrupción institucionalizada na xefatura do Estado, en alusión ao rei emérito, Juan Carlos I, e as súas reiteradas visitas á Galiza.
A reivindicación dos dereitos das mulleres, o compromiso co colectivo LGBT, a "conflitividade" para defender o ensino público ou a atención ás problemáticas do rural e os sectores primarios tamén aparecen recollidas no informe como algúns dos grandes fitos deste período.
Visión crítica no apartado lingüístico
O texto presentado polo Consello Nacional do BNG recolle tamén unha visión autocrítica no que ten a ver coa "reivindicación de normalización de usos" para a lingua galega, que admite que "non contou co necesario tensionamento e atención continuada que merece", á vista dos últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Estes rexistros amosan unha situación de "emerxencia lingüística" a ollos do Bloque, que, porén, chama a "non caer no derrotismo": "Reverter esta situación é posíbel, mais fai falla acción social e compromiso político".
Traballo interno
Neste período decorreron un total de 21 reunións do Consello Nacional e 114 da Executiva. Aliás, desde novembro de 2021 afiliáronse ao BNG 1.230 persoas máis. Porén, o informe fai énfase tamén no "problema colectivo" que arrastra a formación para "conseguir implicar activamente no traballo político e social do día a día [...] todo o importante continxente militante co que o BNG conta". E no tocante ao funcionamento dos grupos de traballo nacionais, dependentes do Consello Nacional, sinala o seu "funcionamento desigual", cunha dinámica de reunións" inconstante nunha boa parte deles e mesmo inexistente nalgún caso concreto".
Desde o punto de vista financeiro, así mesmo, celebra a "definitiva superación" da importante débeda bancaria "procedente de etapas anteriores" que o BNG arrastrou durante anos.
Perspectiva internacional
Estes últimos tres anos tamén estiveron especialmente condicionados polo contexto internacional, primeiramente pola invasión rusa de Ucraína e unha guerra que chegou ao día de hoxe, conflito no que o BNG defende que, "en coherencia co principio do antiimperialismo", se "desmarcou de facerlle xogo aos intereses xeoestratéxicos dos Estados Unidos e a OTAN" para manter unha "aposta decidida pola paz, rexeitando a escalada armamentística e chamando a cesar o fogo e abrir a vía do diálogo e a diplomacia".
Tamén, desde outubro de 2023, marcou o panorama mundial a agresión israelí sen precedentes sobre o territorio palestino e o "xenocidio que o Estado terrorista de Israel está a perpetrar", fronte ao que o BNG celebra a "resposta con solidariedade por parte do nacionalismo galego" e a súa "defensa da soberanía dos pobos" e a aposta "pola resolución dos conflitos e crises internas sen inxerencias alleas e sempre pola vía de medios pacíficos e dialogados", mantendo tamén o "facho aberto do apoio á liberdade para o pobo saharauí, Venezuela ou Cuba, entre outros".