Honras a franquistas e menos protección para o colectivo LGTBI: primeiros pasos do Goberno PP-Vox en Castela e León

A Lei de concordia que substituirá a Lei de memoria histórica en Castela e León ou a paralización do anteproxecto de lei para garantir o principio de igualdade de trato e de non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero son só algunhas das medidas que Vox  promove, e que pretende levar a cabo no resto do Estado español.
Juan García-Gallardo e Alfonso Fernández Mañueco asinan o acordo de Goberno en Castela e León. (Foto: Europa Press)
photo_camera Juan García-Gallardo e Alfonso Fernández Mañueco asinan o acordo de Goberno en Castela e León. (Foto: Europa Press)

Agora que a entrada da extrema dereita nun Goberno do Estado español por primeira vez desde o franquismo é unha realidade, PP e Vox comezan a mostrar en Castela e León o modelo que queren estender ao resto do Estado.

Antes das eleccións, e durante todo o proceso negociador para conformar un Executivo, o candidato de Vox en Castela e León, Juan García-Gallardo, deixou moi clara a postura da súa formación: lexislar contra a lei de violencia xénero, a lei de memoria histórica e os "chiringuitos de xénero", as asociacións LGTBI que pulan por dotar de protección as persoas do colectivo.

En materia de violencia de xénero, o discurso do presidente de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, durante o debate de investidura, puxo de manifesto un cambio de rumbo que xa iniciou hai unhas semanas o presidente estatal do PP, Alberto Núñez Feixoo. Os populares xa adoptan como seu o termo "violencia intrafamiliar ou doméstica", empregado por Vox, e que dilúe a violencia de xénero e todas as súas vertentes, como a violencia vicaria.

Algo semellante ocorre coa memoria histórica. En Vox teñen claro que a súa presenza no Goberno de Castela e León pasa si ou si pola derrogación da Lei de memoria histórica da autonomía. Algo que Mañueco aceptou para evitar a repetición electoral.

Lei de concordia

Desta maneira, a extrema dereita pretende aprobar unha Lei de concordia que, se ben non pode contradicir o marco estabelecido pola Lei de memoria histórica estatal, si pode marcar un antes e un despois con cambios substanciais nesta materia.

Segundo Vox, a súa proposta pretende "rematar co sectarismo" da Lei de memoria histórica que "promove o odio e o enfrontamento entre españois". A súa intención é que a nova lei homenaxee "todos os caídos na Guerra Civil, con independencia do bando no que loitaran". É dicir, a lei permitiría rendir recoñecemento a persoeiros franquistas que participaron activamente no proceso de represión da poboación civil e das institucións democráticas de Castela e León.

Non é a primeira vez que Vox presenta unha lei deste estilo. A finais de 2021, o Parlamento andaluz xa debateu unha proposta da extrema dereita semellante. Naquel momento, o Partido Popular optou por absterse, evitando así que saíse adiante. Algo que nesta ocasión semella que non ocorrerá.

De consumarse a aprobación desta Lei de concordia, o PP non será a primeira formación en abrir a porta á extrema dereita nun Executivo autonómico ou estatal, senón que tamén será o primeiro partido político do Estado español en aceptar dar un paso atrás en materia de memoria histórica.

Reaccións á Lei de concordia

A entrada de Vox no Goberno de Castela e León e a súa proposta de Lei de concordia xa provocaron a dimisión "irrevocábel" do presidente do Consello Asesor da Memoria Histórica, Ángel Hernández, tal e como detallou ao diario dixital Público.

Segundo explica, esta situación deixa en punto morto iniciativas como o mapa de fosas comúns de Castela e León, desenvolto pola Universidade Burgos, e que agora podería rematar "nun caixón".

Un paso atrás na protección do colectivo LGTBI

Outra das primeiras decisións adoptadas polo novo Goberno de Alfonso Pérez Mañueco foi a paralización do anteproxecto de lei para garantir o principio de igualdade de trato e de non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero.

Este anteproxecto, que xa estaba listo antes de que o PP decidise convocar comicios en Castela e León de maneira anticipada, prohibía as "terapias de aversión" ou reorientación sexual, atendendo así as demandas de expertos do Comité de Dereitos humanos de Nacións Unidas (ONU), que considera esta práctica como tortura.

Outra das medidas que estabelecía era a imposición dunha sanción económica de até 3.000 euros por infracción leve cando se "emitisen expresións vexatorias contra as persoas pola súa orientación sexual".

Comentarios