Un de cada dez votantes de Vox afirma que o partido debería ser ilegalizado, segundo unha enquisa

58,9% das persoas enquisadas no conxunto do Estado español afirman sentir "medo" ou "preocupación" ante a posibilidade de que a formación de extrema dereita entre no Goberno.
O presidente de Vox, Santiago Abascal e o candidato pola Coruña nas eleccións galegas, nunha imaxe de arquivo (Foto: Álvaro Ballesteros /Europa Press).
photo_camera O presidente de Vox, Santiago Abascal e o candidato pola Coruña nas eleccións galegas, nunha imaxe de arquivo (Foto: Álvaro Ballesteros /Europa Press).

Segundo unha enquisa difundida na mañá desta segunda feira por 40db, unha de cada seis persoas (58,9%) do Estado español sente "medo" (21,4%) ou "preocupación" (37,5%) ante a posibilidade de que a formación de ultradereita Vox forme parte do Goberno estatal.

No extremo oposto, 12,6% das persoas enquisadas responderon que esta cuestión lles causaría "tranquilidade", e outro 10,4% falou de "satisfacción", mentres a 7,7% élles "indiferente" e o 10,5% restante prefire non contestar.

Os sentimentos de "medo" e "preocupación" son máis frecuentes entre as persoas votantes de Unidas Podemos (95,3% manifestaron temor a que Vox goberne), Más País (86,6%) e PSOE (80,7%), e cae de forma significativa no electorado de Ciudadanos (46,6%), PP (32,8%) e, como cumpría esperar, Vox, malia que 2,8% dos votantes da extrema dereita aseguraron tamén sentir "medo" ou "preocupación".

A respecto dun hipotético 'cordón sanitario' a Vox, 42% do total de persoas enquisadas cre que se debería tratar como "un partido máis", sen veto ningún, mentres 21,1% avoga por "non permitir a súa entrada no Goberno", 9,6% opina que se pode debatir coa extrema dereita, mais "sen alcanzar acordos", 5,3% avoga por negarlle o debate e 11,6% aposta pola súa ilegalización, ao tempo que 10,3% responderon "non sabe, non contesta".

A enquisa, aliás, desvela un dato sorprendente: case un de cada dez votantes de Vox (9,5%) contestou a esta pregunta afirmando que a formación debería ser ilegalizada, e case outro 10% apuntou que non se debería permitir que gobernase, que se debe debater con eles mais sen chegar a acordos ou mesmo negarlle o debate no Congreso.

Vox, un partido "fascista"

Por outra parte, 28,5% das persoas enquisadas definiron Vox como un partido "fascista", mentres 15,2% o cualifica como "nacionalista español", 12,1% como "patriota", 10% como "xenófobo", 9,8% como "ultra", 7,8% como "conservador", 4,4% como "populista" e 2,5% como "liberal", ao tempo que o 9,7% prefire non definir a ideoloxía deste partido.

Aliás, 66,7% aseguraron que Vox é "bastante" ou "moito" de extrema dereita e 54,1% que "non respecta os dereitos de minorías como o colectivo LGBTIQ+ ou as persoas migrantes".

Comentarios