18-F

Así constrúe e espalla o PP as súas "fakes" para desprestixiar Ana Pontón

Vincular o BNG con Bildu, ETA e até Hamas, todo vale. O Partido Popular xoga á desesperada a carta de lixar a formación nacionalista e a súa candidata á Presidencia da Xunta da Galiza para intentar frear o avance do BNG que apuntaban enquisas e estudos demoscópicos.

FAIXA BNG BILDU
photo_camera Faixa pendurada en Tomiño tentando desprestixiar o BNG e Ana Pontón. (Foto: @rubencela2)

O sinal de alarma encendeuse após o debate electoral na CRTVG no que Alfonso Rueda saíu mal parado e a candidata do BNG, Ana Pontón, reforzada. Todas as enquisas, de medios galegos e estatais coincidían: o presidente da Xunta da Galiza e candidato a revalidar o cargo pinchara ante a audiencia ao tempo que collía novas forzas e folgos a idea de que o 18-F o cambio era posíbel e estaría liderado por unha muller nacionalista.

Aquela noite o PP —que até agora vira con certa preocupación as enquisas, sondaxes e estudos demoscópicos que sinalaban que o 18 de febreiro a súa maioría para gobernar a Xunta non estaba asegurada— entrou no que un comentarista cualificou como ‘modo pánico’. Consciente de que a derrota electoral era máis que unha simple probabilidade e que collía forma, o Partido Popular decidiu pór toda a carne na grella en desprestixiar a quen ve como a persoa e a formación que poden fechar o seu ciclo de 15 anos ininterrompidos na Xunta: Ana Pontón e o BNG.

O PP repartiu un argumentario após aquel debate na CRTVG entre os seus cargos no que marcaba que agora a misión era centrar as críticas en Ana Pontón e o BNG, intentando ligar o nacionalismo galego con Bildu e ETA. O texto, ao que tivo acceso elDiario.es, indicaba que había que “deixar claro o que é o Bloque: socio de Bildu. Trae a Galiza os problemas que o independentismo xa creou noutros lugares”. A estratexia, pois, estaba clara.

"Quitarlle a careta a Pontón"

Desde aquela, o PP intensificou este obxectivo, quer a través dos discursos en mitins, a través das redes sociais ou mesmo mediante a prensa máis afín. O propio xornal madrileño El Mundo apuntaba esta quinta feira “O PP lánzase a "quitarlle a Pontón a careta" nas 48 horas decisivas. Rueda cambia o paso na recta final da campaña para mostrar a "radicalidade" da líder do BNG e evitar o seu "branqueamento".

Pontón é a candidata mellor valorada, segundo recollen as enquisas do CIS, e contra ela diríxense os ataques do que xa se bautizou como ‘fachosfera’ —entramado de medios e redes sociais situadas na dereita máis dura—. Neses ataques, as referencias a Bildu e ETA son constantes, mesturados con referencias a Puigdemont ou á "imposición" lingüística.

Diferentes cargos e representantes do PP empezaron a repetir o argumentario nas redes sociais, entre eles, alcaldes como Jorge Cubela, rexedorde Cerdedo-Cotobade. “Que o BNG forma parte da coalición soberanista para as eleccións europeas con Bildu-Batasuna é certo. Que o BNG ten asesores en Bruxelas condenados por terrorismo tamén é certo. Sodes moi novos, pero Pernardo Barrena era un dos dirixentes de Herri Batasuna e agora de Bildu”, escribía.

Tamén espallan esta mensaxe de toque arrebato contra o “separatismo” cargos da dirección do PP español, como Ana Vázquez, “secretaria nacional de Interior do PP e deputada no Congreso”: “Unamos o voto para loitar contra o independentismo galego”, manifestaba, nunha mensaxe na que pedía o voto ás e os tradicionais electores do ultradereitista Vox.

A conta do PP español publicaba esta cuarta feira un vídeo no que o seu discurso ‘BNG-Bildu-ETA’ alcanzaba o paroxismo, mesmo cunha composición de imaxes na que o rostro de Ana Pontón íase transformando até converterse no de  Arnaldo Otegi.

Elevar a tensión

Mais a estratexia do PP está a derivar a que se estean a dar episodios nos que a propaganda electoral do BNG en determinadas vilas é arrancada ou ben pintada coas siglas ETA por riba. Ou tamén coa colocación de faixas, como en Tomiño, a carón das do BNG nas que se afirmaba que o nacionalismo “é socio de Bildu e o independentismo; en Galicia non vos queremos”.

Mesmo hai quen aposta por ir un paso máis aló, como o coñecido xornalista da dereita españolista Eduardo Inda e intentar vincular o BNG con Hamás. “A cabeza de lista do BNG por Ourense ten vínculo cun grupo terrorista pro Hamás”, afirma, recollendo unha información de OK Diario neste sentido na que aposta no trazo groso de situar todo movemento palestino como Hamas.

Federico Jimenez Losantos, popular locutor do sector ultra das ondas, xa sentenciara ao inicio da campaña que “o BNG é a ETA” e que a alternativa ao PP este 18 de febreiro eran “os rapaces dos gulags, dos campos de concentración”. O que daquela semellaba unha boutade de Losantos transformouse estes días en palabra de orde para cargos do PP: o BNG é ETA.

Unha estratexia que xa impulsou Fraga

A estratexia de vincular o BNG con terrorismo non é nova. Xa en 2005 botara man dela Manuel Fraga ante o temor a perder o Goberno da Xunta da Galiza —que finalmente perdería naquela cita—. Fraga chegou a afirmar que de saír das eleccións galegas daquel ano un Executivo de BNG e PSdeG iso “podería facilitar” que á Galiza chegase o terrorismo.

Daqueles comicios saíu o Goberno bipartito de socialistas e nacionalistas e a lexislatura non foi, contra o que prognosticara Don Manuel, un desembarco de grupos terroristas pola Galiza adiante.

A CRTVG, peza clave na estratexia

A estratexia de desacreditar o BNG e Ana Pontón marcada na folla de ruta do PP ten na CRTVG unha peza chave. O papel dos medos públicos galegos durante sta campaña está a ser criticado polo propio persoal e profesionais desa casa, que inciden en que se están a producir, nomeadamente nos informativos, uns niveis de manipulación “alarmantes”. Un exemplo disto foi o que se deu nos telexornais desta cuarta feira, onde en varias ocasións se situaba unha relación BNG-Bildu.

“Moitas traballadoras da CRTVG son alleas e contrarias ao uso obscenamente partidista que se fai dela. Aínda máis grave en plena campaña electoral! A reputación dos medios públicos e dos seus profesionais non se pode arrastrar pola lama”, afirmaban esta mesma cuarta feira desde a plataforna Defende a Galega.

Comentarios