18-F

Suma e segue: novo expediente sancionador da Xunta Electoral contra Rueda por non ser "neutral" como presidente

O órgano regulador dos procesos electorais tamén apunta á reiteración na conduta, pois o presidente e o PP acumulan xa varios expedientes.
Alfonso Rueda, a pasada semana, camiñando polos corredores de San Caetano. (Foto: Arxina)
photo_camera Alfonso Rueda, a pasada semana, camiñando polos corredores de San Caetano. (Foto: Arxina)

A Xunta Electoral da Galiza vén de estimar as últimas denuncias formuladas por BNG e PSdeG e determinou abrir un novo expediente sancionador contra o presidente do Goberno galego e candidato do PP á reelección, Alfonso Rueda, por facer "electoralismo" de forma reiterada desde o atril institucional.

O BNG denunciou que o PP utiliza as roldas de prensa posteriores ao Consello da Xunta para facer unha serie de anuncios que vulneran a lei electoral, e que despois son trasladados á páxina web institucional do Executivo. Pola súa parte, o PSdeG trasladou á Xunta Electoral que na comparecencia de Rueda do pasado 8 de febreiro o presidente realizou valoracións relativas a "logros" alcanzados polo Goberno actual, así como manifestacións "na súa consideración de candidato ás eleccións".

A Xunta da Galiza, pola súa parte, e o PP presentaron alegacións cun argumento de base: que o presidente difundiu "información de interese xeral para o público sobre os acordos adoptados" na reunión do Executivo. En concreto, algunhas das manifestacións denunciadas están relacionadas con axudas para facilitar acceso á vivenda aos mozos e mozas, para proxectos de enerxías renovábeis, para un programa de mocidade 'mentoring' ou un informe sobre a dependencia.

Aínda que en cuestións puntuais formuladas por PSdeG e BNG a Xunta Electoral conclúe que non hai infracción da lei electoral, en varias máis si constata "electoralismo" por parte de Rueda e incide mesmo, nalgún dos casos, en que as manifestacións denunciadas nin sequera "foron efectuadas en resposta a preguntas dos xornalistas", polo que carecen "de espontaneidade".

Vulneración do principio de neutralidade e reiteración

Así, a Xunta Electoral galega estima as denuncias de nacionalistas e socialistas e declara que o presidente da Xunta "incorreu na prohibición" estabelecida na lei electoral por non respectar o principio de neutralidade política polos anuncios enumerados e declaracións efectuadas.

En concreto, ordena retirar da páxina web da Xunta anuncios referidos ás axudas para facilitar aos mozos o acceso a un fogar, sobre o 'aval novo', a convocatoria de axudas para vivendas situadas en zonas de sombra para o cambio da TDT, e a convocatoria de axudas para proxectos de enerxías renovábeis.

Tamén determina a incoación dun novo expediente sancionador contra Rueda unha vez ponderadas as circunstancias que concorren, entre as que menciona que non se trata dunha convocatoria "illada", senón dun "número importante de anuncios e convocatorias publicitadas" na comparecencia posterior ao Consello da Xunta.

O órgano regulador dos procesos electorais tamén apunta á reiteración. Remarca que existen "condutas similares" e que, a data de hoxe, seguen as convocatorias das axudas denunciadas publicadas na web da Xunta.

Contra a decisión poderase interpor recurso de alzada ante a Xunta Electoral Central, que deberá presentarse diante da galega, para o seu informe, antes das 17.30 horas desta mesma cuarta feira.

Comentarios