O cisma no Concello de Ourense parece que non vai quedar só entre PP e Democracia Ourensana. Cinco concelleiros do PSdeG-PSOE, Natalia González, Concepción García, Wilson D. Jones, Borja López e Juana Mª Ageitos, tiveron que saír hoxe ao paso das declaracións do seu portavoz, Rafael Rodríguez Villarino, nas que deixaba a porta aberta a unha coalición de goberno entre socialistas e populares na cidade das burgas.
Como explican os concelleiros nunha carta asinada e dirixida ao secretario xeral, Gonzalo Caballero, "en ningún momento se debateu nunha reunión previa do grupo municipal a posibilidade de suxerir ese posíbel Goberno", como tampouco trataron elevar dita opción a órganos superiores dentro da formación.
Segundo relatan, os cinco conselleiros descoñecían as intencións de Villarino e pensaban que a rolda de prensa que convocara o portavoz para a mañá deste sábado sería só para cargar contra o distanciamento entre os dous partidos que sustentan a Alcaldía por mor dunha crise agravada por presuntas irregularidades no financiamento de Democracia Ourensana.
Na súa misiva ao líder dos socialistas galegos deixan claro tamen o rexeitamento "total e absoluto" á oferta de Villarino.