O Concello de Ourense instálase na ingobernabilidade

A crise do Goberno local de Ourense entra nunha nova fase.
2020082818194454453
photo_camera Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, e Miguel Caride, concelleiro de DO, nunha imaxe de arquivo (Europa Press).

Unhas horas despois de que o concelleiro de Cultura, Miguel González, anunciase a súa decisión de renunciar ao cargo e abandonar a vida política municipal, facíase pública a denuncia presentada na Fiscalía polos cinco concelleiros de Democracia Ourensá (DO) críticos coa xestión do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome.

Segundo sinalaba en declaracións aos medios de comunicación o concelleiro de Infraestruturas e portavoz de DO na corporación, Miguel Caride, o obxecto da mesma era investigar as presuntas irregularidades na xestión das finanzas da formación por parte de Jácome.

"Demos traslado coas informacións publicadas por se houbese algunha irregularidade", afirmou onte Caride en relación coas novas publicadas sobre a contabilidade do partido. Afirmou ao respecto que non teñen coñecemento do “uso dos fondos" e precisou que para o sector crítico que impulsa a denuncia "o fondo da cuestión" está nas contratacións de asesores.

A política de persoal, na diana

Precisamente, a política de persoal do grupo de goberno mereceu duras críticas desde o comezo da lexislatura polas organizacións sindicais do Concello e polas forzas da oposición, quen apuntaron ao Partido Popular como responsábel da situación.

O portavoz municipal dos socialistas, Rafael Villarino, puxo o foco nun PP “causante desta situación que se sitúa á marxe e DO coa práctica totalidade dos concelleiros amotinados contra o seu alcalde" e cualificou José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense e presidente do PP ourensán, como “máximo responsábel” do conflito no interior do Goberno.

Pola súa banda, o concelleiro de Ciudadanos José Araúxo acusou os populares de colocar "este personaxe" [en alusión a Jácome] como alcalde e, por este motivo, instou o PP a "pór fin a este despropósito", "e se non son capaces teñen que apartarse e permitir que outras alternativas poidan tomar as rendas para devolver a dignidade que Ourense merece".

O portavoz dos nacionalistas, Luís Seara, situou a causa do conflito nos “intereses urbanísticos”. “Son os distintos intereses dos socios do Goberno e as dificultades para concilialos o elemento que fixo que se precipitasen os acontecementos”, recalcou Seara, quen afirmou que “detrás destes acontecementos está Baltar e o PP, que o único que fixo foi traer ao presente unha situación que xa tiñan previsto para máis adiante”.

Comentarios