O BNG e un alcalde socialista non participan na xunta de goberno da Deputación ao estar presidida por Tomé, que aínda non renunciou

Os e as deputadas socialistas si participaron na comisión de goberno da institución, agás o alcalde de Castroverde, José María Arias, quen se marchou da reunión ao ver que Tomé ía participar na mesma.
José Tomé, o pasado 10 de decembro. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
José Tomé, o pasado 10 de decembro. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O presidente Deputación de Lugo, José Tomé, logo de ser acusado de acoso sexual e de afirmar que ía abandonar o liderado da institución, presidiu na mañá desta sexta feira a comisión de goberno do organismo, unha reunión á que os deputados e as deputadas do BNG non acudiron ao decatarse de que Tomé ía presidir a sesión.

Desde o BNG tamén ficaron sorprendidos e anoxados ao coñecer que Tomé aínda non oficializara a súa renuncia á Presidencia da Deputación de Lugo. Os e as deputadas socialistas si participaron na comisión de goberno da institución, agás o alcalde de Castroverde, José María Arias, quen se marchou da reunión ao ver que Tomé ía participar na mesma.

O grupo nacionalista foi coñecedor de que estaría no órgano de dirección da Deputación cando non se produciu a dilación de responsabilidades no vicepresidente da institución, Efrén Castro, polo que preguntaron e souberon que aínda non había renuncia efectiva.

Nunhas declaracións públicas realizadas fóra do Pazo de San Marcos, o nacionalista Efrén Castro exixiu ao PSdeG que se ratifique a renuncia e se convoque un pleno extraordinario canto antes, "que perfectamente podería ser esta segunda feira por regulamento", engadiu.

O BNG sospeita que poida haber intención de dilatar a renuncia até o pleno ordinario, que está previsto o 30 de decembro, polo que anunciaron que se non se axiliza o proceso "tomarán medidas", facendo referencia ao anuncio realizado de que se Tomé non dimitía, abandonarían o Executivo.

"Que non se alongue este disparate"

Non quere a formación nacionalista que "se alongue este disparate" xa que considera prioritario que se inicie a investigación, axudar ás vítimas e dar os pasos rapidamente, "e non ter este impasse que prexudica todos".

Por parte da formación socialista non hai confirmación de que se produciu xa a renuncia, aínda que aseguraron que farán unha comunicación ao longo da mañá desta sexta feira sobre iso e o resto do proceso.

Comentarios