Greve de fame de Fernán Vello para denunciar o acordo UE-Turquía sobre persoas refuxiadas

O protesto protagonízano catro parlamentares do grupo de En Marea-Podemos-En Comú Podemo. “As imaxes dos refuxiados en Grecia fan lembrar os campos de concentración nazis", afirma o escritor e deputado lucense.

[Imaxe: Wikipedia] Miguel Anxo Fernán Vello
photo_camera [Imaxe: Wikipedia] Miguel Anxo Fernán Vello

Catro parlamentares do grupo de Podemos-En Comú Podem-En Marea, entre eles o lucense Miguel Anxo Fernán Vello, atópanse en greve de fame para rexeitar o "vergoñoso acordo UE-Turquía" en materia de refuxiados. Ademais do parlamentario galego secundan a greve Pedro Arrojo (Zaragoza), Jorge Luis Bail (membro de Equo e parlamentario por Huesca) e Eduardo Santos (Nafarroa). 

"As imaxes dos refuxiados en Grecia fan lembrar os campos de concentración nazis", denuncia Fernán Vello. Con este acto procúrase axudar a crear no conxunto do Estado unha corrente de apoio e de solidariedade para coa situación das persoas refuxiadas, implicando á cidadanía fronte ás políticas que neste eido están a protagonizar os estados da UE.

O deputado galego abandonará o protesto esta quinta feira ao ter que estar presente en Galiza para facer parte da rendición de contas de En Marea ante as súas bases.

Manifestación

'Non ás guerras. Rachemos coas fronteiras' é o lema que presidirá a manifestación convocada para este sábado, 23 de abril, en Compostela en apoio ás persoas refuxiadas. A marcha partirá ás 13:00 horas da Praza Roxa, convocada pola Rede galega en apoio ás persoas refuxiadas.

Ese mesmo día, 23 de abril, pola tarde (a partir das 17:00 horas) terá lugar unha gala solidaria para coas refuxiadas, organizada por 'Refuxiadas Compostela'.

Estas iniciativas enmárcanse nas que están a decorrer polo país desde hai semanas en compromiso e solidariedade para coas persoas refuxiadas. Desde recollidas de material e alimentos para os campamentos de refuxiadas até galas para recabar apoio económico, para alén de coloquios, charlas....

Comentarios