Dous anos e medio de prisión por tentar cruzar a Melilla

"O poder xudicial mobilizouse contra os migrantes que buscaban refuxio ao servizo das políticas migratorias", cuestionaron desde a Asociación Marroquí de Dereitos Humanos.
Un home sostén un cartel no que se pode ler "España e Marrocos, por que matan xente negra e moza de África?". (Foto: Antonio Ruiz / Europa Press)
photo_camera Un home sostén un cartel no que se pode ler "España e Marrocos, por que matan xente negra e moza de África?". (Foto: Antonio Ruiz / Europa Press)

A Xustiza marroquí vén de condenar trece persoas migrantes a dous anos e medio de prisión após tentaren saltar o valo de Melilla o pasado 24 de xuño, que se saldou con entre 23 e 37 falecidos, segundo distintas fontes. Os medios marroquís fixéronse eco nesta quinta feira da decisión do Xulgado de Primeira Instancia de Nador.

"Dous anos e medio de prisión e 10.000 dírhams —uns 955 euros ao cambio actual— de multa contra os trece migrantes xulgados pola Corte de Apelacións de Nador. Veredicto moi duro que mostra como o poder xudicial se mobilizou contra os migrantes que buscaban refuxio ao servizo das políticas migratorias", cuestionaron desde a Asociación Marroquí de Dereitos Humanos (AMDH-Nador).

Xa en xullo, a Xustiza marroquí condenara 33 migrantes a once meses de cadea por "organizar e facilitar a saída e entrada ilegal de persoas en Marrocos, por insultar os funcionarios públicos no exercicio das súas funcións e por exercer violencia contra eles, así como por desobediencia".

Ás 8.40 horas do 24 de xuño, un grupo de máis de 500 persoas iniciaron a entrada a Melilla após rachar cunha cisalla a porta de acceso do posto de control fronteirizo de Barrio Chinés, saltando polo tellado do mesmo.

A AMDH denunciou por aquel entón que, tras os enfrontamentos, as forzas de seguridade marroquís maniataron e amontoaron os migrantes inmobilizados no chan das rúas do Barrio Chinés da cidade de Nador, unhas imaxes que deron a volta ao mundo.

O salto ao valo de Melilla en xuño foi o primeiro destas características desde a normalización das relacións entre o Estado español e Marrocos en abril de 2022, tras o xiro de posición do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, sobre o Sahara Occidental.

Cómpre lembrar que a comisión de Liberdades Civís, Xustiza e Interior (LIBE) do Parlamento europeo solicitou o pasado xullo a comparecencia de cara ao outono do ministro do Interior español, Fernando Grande-Marlaska, para explicar a actuación do Estado español aquel día.

Comentarios