A Eurocámara xulgará a actuación do Estado español en Melilla

"O Goberno español leva décadas facendo do racismo institucional a súa política fronteiriza", censuran desde a comisión de liberdades civís do Parlamento, que urxe a comparecencia en Bruxelas do ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska.
A policía de Marrocos amontona os corpos de varios migrantes mortos e feridos en Melilla. (Foto: AMDH)
photo_camera A policía de Marrocos amontona os corpos de varios migrantes mortos e feridos en Melilla. (Foto: AMDH)

A comisión de Liberdades Civís, Xustiza e Interior (LIBE) do Parlamento europeo vén de solicitar a comparecencia o próximo outono do ministro do Interior español, Fernando Grande-Marlaska, para explicar a actuación do Estado español o pasado 24 de xuño en Melilla, cando morreron decenas de persoas que tentaban cruzar a territorio europeo.

A decisión tomárona os coordinadores da comisión parlamentaria nunha reunión decorrida esta quinta feira en Bruxelas, e estenderán a invitación para comparecer ante eles á Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR) e á Asociación Marroquí de Dereitos Humanos (AMDH).

O Parlamento de Bruxelas valora ademais enviar unha misión á cidade autónoma e a Marrocos para estudar en primeira liña a situación, aínda que esta iniciativa e o seu posíbel calendario será discutida de novo en próximas reunións da comisión.

A proposta de celebrar un debate sobre o ocorrido na fronteira de Marrocos con Melilla a finais de xuño, onde morreron cando menos 37 persoas e decenas resultaron feridas, xorde a iniciativa do grupo de Esquerda Unitaria (GUE).

Nun comunicado remitido aos medios logo de que a comisión parlamentaria dese luz verde a este debate, o eurodeputado de Anticapitalistas e promotor da proposta, Miguel Urbán, criticou a estratexia dunha "Europa Fortaleza" na fronteira exterior da UE e apuntou a responsabilidade do Goberno español no sucedido no valado.

"Estas mortes teñen culpábeis e é o réxime marroquí, mais tamén teñen responsábeis: o Goberno español, que leva décadas facendo do racismo institucional a súa política fronteiriza", asegurou.

A comisión de dereitos civís na Eurocámara manterá a súa próxima xuntanza o 5 de setembro, mais a data definitiva do debate dependerá tamén da dispoñibilidade do ministro Grande-Marlaska e do resto de entidades convocadas.

Comentarios