O PSOE recoñece que recibiu esta semana unha acusación de "comportamentos machistas" contra Tomé e anuncia para hoxe un "pronunciamento contundente"
O secretario xeral do PsdeG, José Ramón Gómez Besteiro, anulou a súa axenda para esta cuarta feira horas despois de transcender as acusacións sobre supostos casos de acoso sexual por parte do presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, que terían sido denunciados por varias militantes socialistas.
Fontes do PSdeG aseguran que a formación fará "un pronunciamento contundente" esta cuarta feira, logo de que o programa 'Código 10' emitido este 9 de decembro en Cuatro informara sobre denuncias de tocamentos e comentarios que suporían acoso sexual por parte de Tomé, que tamén é secretario provincial do partido en Lugo e alcalde de Monforte de Lemos.
Pola súa parte, o propio José Tomé, preguntado polos medios de comunicación sobre as denuncias sobre a súa persoa, remitiuse a unha comparecencia nos medios que terá a partir das 11.30 horas desta cuarta feira no Concello de Monforte.
Ferraz recibe una denuncia interna
A dirección federal do PSOE recibiu esta segunda feira 8 de decembro unha denuncia "anónima" contra o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, na que xa está a traballar a Oficina contra o Acoso, segundo confirmaron fontes socialistas. O PSdeG, con todo, asegura non ter constancia desta denuncia en contra do tamén secretario provincial de Lugo e alcalde de Monforte.
A denuncia recibida pola canle interna que Ferraz puxo ao dispor de posíbeis vítimas describe "comportamentos machistas" do dirixente socialista segundo describen outras fontes socialistas consultadas, as cales aseguran que o PSOE é o "primeiro interesado" en que o caso se resolva.
O PSOE recibe unha nova denuncia, neste caso contra o dirixente galego, en plena escalada da crise provocada polo 'caso Salazar' despois de que dúas mulleres presentasen senllas denuncias en Ferraz contra o ex dirixente do Goberno español e do PSOE Francisco Salazar.
A crise desatouse pola tardanza do PSOE en contactar coas denunciantes, coas que non contactou até pasados catro meses de que trasladasen o seu caso ao partido, até o punto que o presidente e secretario xeral, Pedro Sánchez, chegou a asumir "en primeira persoa" a responsabilidade.
O PSdeG non ten "constancia"
Consultadas respecto das acusación contra Tomé, fontes do PSdeG sostiveron que non teñen constancia de "ningunha denuncia" contra o dirixente do partido en Lugo e que tiveron que esperar a ver o programa de televisión para coñecer os feitos que se lle atribúen.
Estas fontes, ademais, lembran que o partido habilitou unha canle interna, xestionada por persoal externo, no que se garda a confidencialidade tanto da denunciante como da persoa denunciada e que na mañá desta cuarta feira non tiñan ningunha información oficial sobre este asunto.