O Goberno estatal "toma nota" das propostas do BNG fronte á crise, mais non concreta nada

As ministras Calviño, Díaz e Bolaños reuníronse con representantes de BNG, PDeCAT, Junts, Máis País e Compromís para coñecer as súas propostas fronte á crise derivada da guerra en Ucraína. Néstor Rego, entre outras cuestións, defendeu desvincular o gas do prezo da electricidade.
O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, esta cuarta feira, no Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, esta cuarta feira, no Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O Goberno estatal recibiu esta terza feira propostas no Congreso de máis formacións parlamentarias, entre elas o BNG, para afrontar a crise económica desencadeada tras a invasión rusa de Ucraína e as sancións económicas impostas pola Unión Europea (UE), mais non desvelou que medidas pensa incluír no seu plan de choque, que anunciará o vindeiro 29 de marzo.

Así o aseguraron tanto a portavoz de Junts, Miriam Nogueras, como o do PDeCAT, Ferrán Bel, tras a súa reunión na Cámara Baixa coa vicepresidenta de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, a de Traballo, Yolanda Díaz, e o ministro de Presidencia, Félix Bolaños, que tamén se reuniron con Máis País-Equo, Compromís e o BNG.

"Á espera" da cimeira europea

Tanto Nogueras como Bel sinalaron que desde o Goberno estatal reclamaron o seu apoio ao decreto lei con medidas urxentes para afrontar a crise, pero sen ofrecer detalles nin tampouco concretar as propostas que barallan, á espera da reunión do Consello Europeo na que o Goberno espera unha posición común dos socios comunitarios para frear a escalada de prezos da electricidade.

Sexa como for, ambas as formacións trasladaron ao Executivo unha serie de propostas, que no caso da portavoz de Junts, detallou, pasan por unha bonificación dos primeiros 100 kilowatts (kw) de enerxía consumida na factura da luz para que esta ofreza prezos alcanzábeis e vaia incrementándose gradualmente, a equiparación das peaxes de rede de 25 a 36 kilovatios (kV) e a reactivación do gasoduto Midcat.

Por parte do BNG, o seu deputado e portavoz no Congreso, Néstor Rego, pediu que non sexan as maiorías sociais as que paguen a crise e reclamou ao Goberno desvincular o gas do prezo da electricidade, un prezo máximo dos hidrocarburos, unha reforma fiscal progresiva, axudas directas aos sectores afectados e axustar o IRPF á inflación.

Aliás, o líder de Máis País, Íñigo Errejón, destacou que o momento da lexislatura "é absolutamente decisivo" porque, ao seu xuízo, a disxuntiva que debe afrontar o Goberno é "quen vai pagar as consecuencias económicas da guerra" e que, por tanto, "ten que tomar partido".

Comentarios