O Goberno español pide prorrogar o estado de alarma 15 días

É o que Pedro Sánchez trasladou aos mandatarios autonómicos na xuntanza telemática deste domingo. A prórroga activaríase domingo 29 de marzo e estenderíase até 11 de abril. O manatario anunciou tamén a intervención das residencias privadas.

Compostela coronavirus ruas baleiras exercito (Arxina)
photo_camera Romero Donallo sen tráfico ningún. Santiago de Compostela (Arxina)

O Goberno español solicitará na semana que entra a autorización ao Congreso das e dos Deputados para ampliar o estado de alarma 15 días. Esta decisión foi trasladada polo propio presidente español, Pedro Sánchez, aos mandatarios autonómicos na reunión telemática que mantiveron na mañá deste domingo.

Esta medida implica o confinamento tamén durante a semana santa. Aplicaríase a próroga a partir do vindeiro domingo, día 29 de marzo, e estenderíase até 11 de abril. 

Non foi o único anuncio do mandatario español este domingo. Pedro Sánchez anunciou a intervención das residencias privadas. O Goberno español vai dispoñer que todas as comunidades autónomas teñan as instalacións e os recursos materiais e humanos das residencias privadas de persoas maiores.

Explicou que se emitiron cinco novas ordes, unha das cales ten como obxectivo poñer a disposición das autonomías os recursos do sector residencial privado de maiores. "Xa o fixemos con asistencia sanitaria privada e hoxe facémolo con fogares de maiores", dixo Sánchez.

Esta decisión pretende, segundo subliñou, aliviar a saturación das residencias públicas para persoas maiores e mellorar as condicións de vida das persoas maiores e reducir o seu nivel de risco de contaxio.

O discurso de Pedro Sanchez deste sabado pola noite xa deixaba albiscar que ía adoptar novas medidas, cando indicaba que o máis duro está por vir e da necesidade de manter medidas de illamento e cofinamento. Unha comparecencia desde La Moncloa na que o presidente español defendeu a xestión da pandemia feita nestes días polo seu Goberno  para alén de querer trasladar unha mensaxe de ánimo á cidadanía e advertir que o máis duro aínda fica por vir.

"Adoptamos as medidas máis drásticas e estritas de Europa e do mundo", dixo Sánchez, para frear o golpe de crise sanitaria, económica, laboral e social que supón a pandemia do coronavirus.

Asegurou que a estratexia marcada polo seu Executivo contra o virus está avalada pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e pola comunidade científica. Instou a evitar "reproches", dada a gravidade do momento. A crítica ao Executivo, demandou, debe posporse á loita contra o virus. "Agora o deber é manter a unidade", afirmou.

Sánchez advertiu de que o peor aínda está por chegar: "Estamos nun momento moi crítico. Haberá días moi duros para os que teremos que estar preparados ", recoñeceu. "Por desgraza, os casos aumentarán nos vindeiros días", anunciou. "Está por chegar a onda máis danosa".

Comentarios