Madrid propón liquidar os partidos xudiciais e crear tribunais de instancia uniprovincial

A reforma da demarcación e planta xudicial reforza a provincia como unidade administrativa e deixa unha única sede central situada nas capitais provinciais.

subdireccionsTerritoriaisImelga (1)
photo_camera División dos partidos xudiciais

O anteproxecto de Lei do Poder Xudicial aprobado polo Consello de Ministr@s suprimirá as actuais demarcacións e creará catro partidos xudiciais deixando "sedes desprazadas" mais tamén dependentes das capitais de provincia. 

A proposta lexislativa saída do goberno español sinala que "só haberá un tribunal de instancia uniprovincial". Unha reforma que liquida a actual planta xudicial e arreda os tribunais de primeira instancia da cidadanía. Unha iniciativa que deixa as comarcas sen demarcación propia e convérteas en dependentes da capital provincial. 

Unha sede central nas capitais de provincia

Desta maneira, provincias como Lugo, marcadas por unha forte dispersión poboacional e que na actualidade conta con 9 partidos xudiciais (Viveiro, Mondoñedo, A Fonsagrada, Becerreá, Monforte de Lemos, Sarria, Chantada, Lugo e Vilalba) pasará a contar cunha sede central situada na cidade amurallada. Tamén así, na provincia de Pontevedra, Vigo deixará de constituír un partido xudicial de seu para ser unha delegación do de Pontevedra embora o 61% dos procesos xudiciais da provincia se traten na cidade olíviva. 

É en Vigo --e en Compostela-- onde se está a artellar un movemento de resposta con maior celeridade. Na cidade olívica xa se constituíu unha asociación e @s xuízas e xuíces preparan un informe contra a proposición de Lei. "Non podemos ser unha sede delegada", denuncian. Pola súa banda, desde o Colexio de avogad@s da capital galega coidan que a aprobación da reforma sería "un retroceso de 50 anos". 

Segundo o goberno a reforma non suporá a desaparición de ningún xulgado mais estes pasarán a ser oficinas delegadas do central, situado na capital de provincia. Mais, no concreto, advirten que se fixarán uns criterios para o mantemento destas sedes en base á dispersión da poboación e o volume de procesos xudiciais, carga de traballo ou distancia da sede central. 

Comentarios