Garzón logra un amplo apoio das bases para liderar IU nunha votación cun 40% de participación

A súa candidatura para o Consello Político atinxiu o 74,7% dos votos, por un 20,8% da apoiada por Cayo Lara e un 4,6% dos 'Llamazaristas'. 

Alberto Garzón, coordinador federal de Esquerda Unida
photo_camera Imaxe: Filckr de Izquierda Unida

Alberto Garzón deu un paso de xigante para se garantir ser o coordinador xeral de Izquierda Unida en substitución de Cayo Lara. A candidatura que encabezaba, 'Unha IU por un novo país', atinxiu o 6.382 votos, o 74,7% dos apoios dos militantes que tomaron parte no proceso para elexir o Consello político desta formación. Unha ampla vitoria que lle garante ao malagueño a maioría suficiente no organismo para ocupar a Coordinación xeral de IU. Garzón contaba co apoio, entre outros, da principal forza no seo da coligazón, o PCE, cuxo secretario xeral ía de número 3 na súa candidatura. Como número 2 concorría a eurodeputada Marina Albiol.

O sector crítico, concretizado na lista liderada pola eurodeputada Paloma López ('IU si, con máis forza') e que fechaba simbolicamente Cayo Lara, actual coordenador xeral, obtivo un 20,8% dos apoios. Por último, a candidatura impulsada por Izquierda Abierta apañou 390 votos, o que supón un 4,6%. Esta lista era a que apoiaba, como rostro máis coñecido, o ex-deputado Gaspar Llamazares, tamén críticos coa liña de Garzón.

Baixa participación

Das 22.000 persoas que podían tomar parte nestas eleccións, quer presencial quer telematicamente, só 8.548 exerceron o voto, o que supón o 40,2% do censo. As bases que si participaron elixiron 90 dos 150 integrantes do Consello Político Federal de IU. O resto dos membros proceden das cotas das federacións.

Esta fin de semana decorrerá a XI Asemblea Federal de IU e alí será onde se designe o novo coordenador xeral. Cos resultados da votación na man, a lista de Garzón non terá problemas para que este sexa quen lidere a nova etapa de Izquierda Unida. 

Comentarios