Galiza Nova maniféstase contra a visita de Juan Carlos I a Sanxenxo

Medio cento de militantes nacionalistas concentráronse esta mañá en Sanxenxo para rexeitar a visita do rei emérito a Galiza.

Juan Carlos protesta (1)
photo_camera Protesta en Sanxenxo contra a visita do rei emérito. (Foto: Nós Diario).

Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, convocou hoxe unha concentración para  protestar pola visita de Juan Carlos de Borbón a Galiza.

A protesta contou con presenza de medio cento de militantes nacionalistas, entre membros do BNG, encabezados polo seu voceiro no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, e da súa organización xuvenil, a cuxa fronte se atopaba a secretaria xeral, Marta Gómez.

Gómez dirixiuse aos asistentes ao final do acto, sinalando que “rexeitamos unha vez máis a visita de Juan Carlos I, o rei fuxido, ao noso país”.

Marta Gómez

A secretaria xeral de Galiza afirmou que “a monarquía española é unha institución corrupta que atenta directamente contra os valores democráticos do noso pobo, todos os sucesos que a rodean demóstrano e que o rei fuxido pasee por Galiza impunemente aínda máis”.

A dirixente da organización xuvenil de BNG explicou que “a mocidade galega rexeita a presenza dun rei corrupto no noso país e a unha monarquía herdeira do franquismo que leva séculos oprimindo a Galiza”.

A responsábel de Galiza Nova defendeu que “as mozas e mozos galegos queremos desenvolver os nosos proxectos de vida no noso país, con empregos dignos, con servizos públicos de calidade e lonxe do réxime anacrónico e perpetuador da dependencia da nosa nación do Estado español, que representa a monarquía”.

Néstor Rego

Rego considerou a visita como “unha burla á cidadanía a visita dunha persoa que fuxiu da xustiza, que nunca asumiu responsabilidades, que non devolveu o roubado e que, ademais, goza da protección do Estado, como acredita a negativa do Congreso dos Deputados a investigalo en 15 ocasións”

O deputado nacionalista sinalou que “rexeitamos a monarquía por ser un réxime inxusto, que fai prevalecer os privilexios por nacemento dunha familia e que perpetúa a idea centralista e imperialista do Estado español”.

O voceiro do BNG no Congreso dos Deputados significou que “xa temos manifestado o noso rexeitamento tamén no Congreso dos Deputados nas dúas visitas anteriores, non é tolerábel que o Goberno dun Estado que se di democrático permita que unha persoa que marchou del fuxindo da xustiza volva cando queira, impune e sen ser xulgado polos seus delitos".

Comentarios