O rei emérito xa está de novo na Galiza

Juan Carlos I aterrou ás 14 horas no aeroporto de Peinador, en Vigo, onde foi recibido polo empresario e amigo persoal Pedro Campos para trasladalo á súa residencia en Sanxenxo, onde participará nas regatas desta fin de semana.
O empresario Pedro Campos recolleu o rei emérito, Juan Carlos I, no aeroporto de Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
photo_camera O empresario Pedro Campos recolleu o rei emérito, Juan Carlos I, no aeroporto de Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

O rei emérito Juan Carlos I aterrou esta cuarta feira en Vigo, tres meses despois da súa última visita á Galiza —en abril de 2023—, cando visitara tamén a cidade olívica para logo partir cara a Sanxenxo (O Salnés) para asistir a unha regata, igual que fará nesta ocasión, segundo a información transcendida até o momento. Nun voo privado procedente de Abu Dhabi e após case oito horas no ar, o emérito chegou a Vigo ás 14 horas. Unha vez en terra, baixou do avión directamente a pista.

Alí agardaba por el, como é habitual, o seu amigo o empresario Pedro Campos, que o recolleu no seu coche para dirixirse á súa casa en Sanxenxo, onde se hospedará estes días. Á saída do aeroporto, o rei emérito saudou desde o asento do copiloto á multitude de medios de comunicación que o esperaban máis unha vez nas inmediacións de Peinador e que, máis unha vez, non obtiveron declaración ningunha do ex xefe do Estado.

Está previsto que Juan Carlos I participe estes días co seu barco, o Bribón, nas regatas que o municipio sanxenxino organiza esta fin de semana, malia que fontes da contorna do emérito citadas pola axencia Europa Press non desvelaron ningún detalle da axenda nin o tempo que ten previsto permanecer na Galiza. A súa última visita foi o pasado mes de abril, nunha viaxe que xerou "malestar" no Palacio da Zarzuela, que xa tras a súa primeira visita pedira ao pai do rei Felipe VI "máis discreción" nos seus futuros desprazamentos.

A primeira visita que fixo a España Juan Carlos I a finais de maio do pasado ano provocara unha grande expectación a respecto de todos os seus movementos durante a súa estadía en Sanxenxo e polo interese suscitado, moi lonxe da privacidade coa que manifestara que quería que transcorresen este tipo de desprazamentos.

Así llo fixo ver Felipe VI no encontro que ambos os dous mantiveron en Zarzuela o 23 de maio, tras o que a Casa Real lembrou ao emérito, nun comunicado, que na súa carta para notificarlle que Abu Dhabi sería a súa residencia permanente tamén lle dicía que cando visitase o Estado español faríao coa "maior privacidade posíbel".

Daquela a mensaxe calou aparentemente no emérito, xa que non regresou en xuño para unha nova regata como se adiantara, e nos meses seguintes mantivo un inusual silencio, sen recorrer á súa contorna máis próxima para trasladar mensaxes sobre as súas intencións ou sobre a súa vida no exilio emiratí.

Agora, porén, retorna ao Estado español e mais concretamente á Galiza, novamente da man de Pedro Campos. Fontes da súa contorna afirmaran antes das eleccións do pasado domingo que confiaba nun triunfo do PP de Alberto Núñez Feixoo para volver asentar a súa residencia habitual dentro do Estado e abandonar así os Emiratos Árabes Unidos, onde marchara por mor dos múltiples escándalos que o cercaban.

Comentarios