Galiza Nova conmemora tres décadas de loita xuvenil

Este mes de xullo, a organización nacionalista dará inicio a unha batería de actividades para festexar a súa fundación

Galiza Nova na manifestación do 25X
photo_camera Galiza Nova na manifestación do 25X

Na véspera do día da Patria Galega do ano 1988, Galiza Nova celebraba a súa Asemblea Constituínte. Este ano, a organización de mocidade nacionalista galega chega ás 30 décadas, motivo polo cal inaugura a campaña "30 anois de loitas", que lembra a historia da organización xuvenil do Bloque Nacionalista Galego.

"Queremos por en valor a historia da nosa organización, que estivo presente na grande maioría das loitas sociais que se deron no noso país ao longo destas tres décadas, nalgunhas mesmo tendo un papel destacado a nosa militancia", afirman desde Galiza Nova nun comunicado público. Dentro da súa traxectoria, a propia organización destaca reivindicacións como o movemento da insubmisión contra o servizo militar español obrigatorio, as loitas feministas, as demandas por un traballo digno para a mocidade, a defensa dun ensino público galego ou as mobilizacións na defensa da terra co Nunca Máis.

Esta homenaxe á historia da organización terá como eixo central o Día da Patria, que coincidirá coa segunda edición da Semana da Patria. Este ano , o evento contará cun programa de actos e conferencias encadrados na celebración deste aniversario. Desde Galiza Nova explican que a súa militancia amósase orgullosa do "legado dos milleiros de mozas e mozos que participaron en Galiza Nova ao longo da súa historia achegando o ideario nacionalista á xente nova e reafirman o seu compromiso no camiño de acadar unha Galiza ceibe e popular na que a xente nova poida vivir dignamente".

Comentarios