A Galiza, á cola do Estado na protección das persoas en risco de exclusión social

71.000 galegas e galegos reciben o IMV.
A deputada socialista Marina Ortega. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada socialista Marina Ortega. (Foto: Nós Diario)

A deputada do PSdeG Marina Ortega denunciou onte no Parlamento que a Galiza está "á cola do Estado" en canto á protección das persoas que viven por debaixo do limiar da pobreza. Por este motivo, a socialista exixiu á Xunta medidas para axudar as persoas sen recursos.

Ademais, alertou de que as familias monomarentais son as máis afectadas pola pobreza no país, o que "agrava a situación da pobreza infantil". 

Ortega preguntou ao director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, na comisión de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento da Galiza, sobre os esforzos que está a realizar a Administración galega para que as persoas en risco de exclusión social poidan acceder á Risga e ao Ingreso Mínimo Vital (IMV), pois "é responsabilidade do Goberno galego facelo posíbel". 

A deputada socialista recordou que o IMV foi aprobado polo Goberno estatal en 2020, e que desde ese momento "o Goberno galego xa tivo tempo de adaptar a normativa". Son 71.000 as galegas e galegos beneficiados polo IMV na Galiza.

Neste sentido, Ortega subliñou "a importancia de chegar a máis xente", ao estar a Galiza "á cola do Estado" en canto á protección ás persoas que están por debaixo do limiar da pobreza.

Segundo o informe da Rede Europea Contra a Pobreza, o IMV só chega a 5% das persoas que se atopan por debaixo do limiar da pobreza na Galiza. Un dato aínda máis negativo ao comparalo con outras comunidades. Euskal Herria, por exemplo, logra atinxir o 60% deste sector da poboación. 

Pola súa parte, Parrado respondeu sinalando que "a Dirección Xeral de Inclusión Social conta con máis recursos que nunca".

Comentarios