O PP veta un paquete de medidas contra a pobreza feminina

Os populares alegan que se está a reducir a miseria.
Olalla Rodil (BNG), esta cuarta feira, no Parlamento. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Olalla Rodil (BNG), esta cuarta feira, no Parlamento. (Foto: Nós Diario)

A maioría do PP no Parlamento galego evitou esta cuarta feira a aprobación dunha proposición non de lei que, "contra o aumento da  pobreza e exclusión social das mulleres", propuña introducir a perspectiva de xénero nas axudas, restituír a Tarxeta Básica e un abono familiar contra a pobreza infantil. A iniciativa, presentada polo BNG e defendida no pleno por Olalla Rodil, contou co apoio do PSdeG.

Rodil explicou que os datos da Rede Galega contra a Pobreza advirten de que "o risco de pobreza descende entre os homes mentres aumenta entre as mulleres, afectando 8.000 máis que en 2020". Para a nacionalista, esta realidade  non é casual, é produto dunha situación de discriminación e dun feito "material, medíbel e cuantificábel". "As mulleres soportamos máis paro, máis temporalidade e máis parcialidade que os homes" con contratos a tempo parcial: 77% dos asinados na Galiza son por mulleres.

Noa Díaz, do PSdeG, comunicou o apoio á proposta e incidiu na necesidade deste tipo de medidas fronte a unha pobreza "que ten xénero, está feminizada". Porén, Noelia Pérez (PP) xustificou o voto en contra do seu grupo a esa proposición non de lei en que o índice de pobreza na Galiza está por baixo do do Estado español, "e niso algo teñen a ver as medidas adoptadas polo Goberno galego".

Dependencia

A maioría do PP tamén impediu que prosperase unha proposición non de lei que reclamaba maior axilidade na xestión das axudas para a dependencia. A defensora da proposta, Marina Ortega (PSdeG), chamou a "actuar" ante unha "mala xestión e uns recortes" que fan, dixo, que 84% "dos potenciais dependentes galegos renuncien a solicitar as axudas da Xunta".

Olalla Rodil (BNG) alertou que hai 12.000 persoas en espera para que se valore o seu grao de discapacidade; así como 1.500 dependentes en espera de ter unha praza pública nunha residencia. Alberto Pazos (PP) acusou a oposición de dar unha "visión catastrofista".

Comentarios