Galicia en Común-Anova-Mareas insta a Xunta a "facer máis" para diagnosticar os casos de coronavirus

"Para nós é fundamental, de cara á reactivación do proceso electoral, que haxa unha seguridade xurídica total e que haxa todas as garantías de participación de toda a cidadanía", sinalou Antón Gómez-Reino.
Martiño Noriega, Antón Gómez-Reino e Eva Solla na presentación da coalición Galicia en Común para as eleccións do 5-A (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Martiño Noriega, Antón Gómez-Reino e Eva Solla na presentación da coalición Galicia en Común para as eleccións do 5-A (Imaxe: Europa Press)

O candidato da coalición Galicia en Común-Anova-Mareas, Antón Gómez-Reino, destacou após a reunión de todas as formacións co presidente da Xunta da Galiza que “a imaxe de unidade e de diálogo é beneficiosa para o país en xeral”. 

"Insistimos na necesidade de reforzar equipos técnicos e humanos. Cremos que a Xunta pode facer máis no ámbito da diagnose e da asistencia telefónica, e así o dixemos na reunión", explicou o tamén líder de Podemos Galicia, que hoxe soubo que ten a COVID-19 e levaba varios días illado. 

Sobre o Decreto relativo ás eleccións consensuado esta terza feira polos principais partidos galegas, Gómez-Reino indicou que "todos os recursos teñen que ir para a loita conta o coronavirus". "Con todo, parécenos satisfactorio ter chegado a un principio de acordo. Para nós é fundamental, de cara á reactivación do proceso electoral, que haxa unha seguridade xurídica total e que haxa todas as garantías de participación de toda a cidadanía", dixo. 

"Os partidos teñen que formar parte desta loita, como parte da arquitectura institucional. Polo tanto, neste momento traballamos contra as consecuencias económicas e sociais xunto a todas as familias galegas", destacou, para volver ás eleccións galegas e salientar que "de igual maneira que houbo un consenso para o aprazamento da cita electoral, ten que haber un consenso para buscar a mellor data no momento da reactivación". "Creo que todos coincidimos nesa necesidade", agregou. 

Gómez-Reino, que valorou positivamente as últimas medidas adoptadas polo Goberno do Estado, incidiu en que tanto desde Moncloa como desde a Xunta é preciso un "enorme plan de choque social" que inclúa accións como a "flexibilización da regra de gasto dos concellos" ou a "paralización do pago dos servizos básicos" para as persoas afectadas polas consecuencias económicas desta crise sanitaria. 

As iniciativas do Goberno de Pedro Sánchez son "unha boa nova e unha nova necesaria" pois "ningunha galega pode quedar atrás ante a situación de emerxencia sanitaria e social", segundo manifestou o candidato, que leva a corentena coa mesma “conciencia cívica” que o resto da cidadanía e está a “traballar todo o tempo” como "responsábel público". 

Así, Galicia en Común ten claro que as eleccións na Galiza só se poden retomar "a partir de cando esté resolta a crise sanitaria, económica e social". "Creo que sería inadecuado poñer un horizonte agora mesmo dun prazo previo ao verán. Todas desexamos saír canto antes desta crise, pero o fundamental dun proceso electoral é que se dea nun momento de normalidade, con garantías de sufraxio e participación", aseverou. 

Desta maneira, e mentres todas as forzas políticas estudan un Decreto que o Goberno galego prevé asinar esta cuarta feira, Gómez-Reino explicou que tamén se abordou a situación do poder lexislativo: “Falamos da imperiosa necesidade de activar o funcionamento da Deputación Permanente para que exista un control ao Goberno galego, como marca o procedemento estatutario do Parlamento da Galiza”.

Comentarios