18-F

As forzas políticas comezan a campaña das eleccións máis abertas na Galiza

Esta madrugada comezou a campaña das eleccións máis abertas dos últimos anos. Neste contexto, as forzas redobraron nas últimas horas da quinta feira os seus esforzos por chegar ao electorado, realizando múltiples actos.
Rueda, Pontón e Besteiro, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Rueda, Pontón e Besteiro, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)

As diferentes forzas políticas que concorren ás eleccións ao Parlamento da Galiza do vindeiro de 18 de febreiro, consideradas como as máis abertas en moito tempo, arrancaron esta madrugada o período de campaña.

Deste modo, na praza do Obradoiro, en Compostela, o candidato do PP á reelección como presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, liderou o acto de pegada de carteis dos populares con motivo do inicio da campaña electoral, que aproveitou para pedir aos galegos e ás galegas "o seu ben máis prezado, a súa confianza, "ofrecéndolles a cambio a súa traxectoria" e credibilidade para seguir sendo presidente dunha Galiza orgullosa, unida, próspera e que funcione cada vez mellor".

Antes, participou nun acto en Lugo no que estivo acompañado pola cabeza de cartel da circunscrición, Elena Candia, e pola presidenta de Novas Xeracións (organización xuvenil do PP), Nicole Grueira. Na cidade das murallas, o candidato pediu á militancia "apoio e empuxe" para non importar á Galiza "o descontrol e o balbordo de España".

Pola súa parte, a candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, abriu a campaña na Coruña cunha chamada á mobilización masiva do voto do cambio e a concentrar na formación nacionalista "a papeleta de todas as galegas e os galegos que queren facer historia e abrir un tempo novo a partir do 18 de febreiro". “Pídolles que aposten todo ao BNG, porque somos a mellor alternativa para derrotar o PP e pór en marcha o cambio galego”, proclamou a nacionalista.

“Se o voto do cambio se mobiliza e se une no BNG, Galiza gañará un futuro mellor”, afirmou no acto de apertura de campaña que compartiu coa número 2 pola Coruña, Mercedes Queixas, e do portavoz do BNG na cidade, Francisco Jorquera. Pontón sinalou que son as eleccións “máis importantes e máis abertas dos últimos 15 anos” e mostrouse convencida de que “o cambio é imparábel” e de que “está ao alcance das nosas mans”.

Previamente, nun acto no parque de Bonaval, en Compostela, acompañada tamén de Queixas, así como das outras tres cabezas de lista ao Parlamento galego, Luís Bará (Pontevedra), Olalla Rodil (Lugo) e Noa Presas (Ourense), dirixiuse especialmente ás e aos "que dubidan" e "non saben que facer", para pedir o seu apoio ao BNG. "Non se pode perder nin un só voto", insistiu.

Pontón asegurou que ten xa "parte dos deberes feitos" en canto á preparación do debate electoral que decorrerá a segunda feira na TVG. Ademais, convidou o candidato do PP á reelección a "non esconderse" e a acudir ao debate a tres que prepara RTVE para a cuarta feira 14 de febreiro.

O candidato do PSdeG á Presidencia do Goberno galego, José Ramón Gómez Besteiro, iniciou a campaña en Lugo nun acto no que participaron a vicesecretaria xeral do PSOE, María Jesús Montero, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, a vicesecretaria xeral do PSdeG, Lara Méndez, e a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos

O candidato socialista subliñou durante a súa intervención que “o mellor que lle pode pasar á Galiza é votar cambio o día 18”. Para iso, cualificou o Partido Socialista como “sinónimo de solucións coa receita de máis emprego, máis economía e mellor sanidade”.

Antes, Besteiro compareceu en Compostela co secretario xeral da formación, Valentín González Formoso, e aproveitou as horas previas ao inicio da campaña para pór en valor o anuncio do Goberno estatal de que As Pontes e Cerceda contarán cun nó de transición enerxética. A Galiza será "a protagonista" do segundo concurso convocado polo Executivo español, afirmou o socialista.

Despois, reuniuse na capital galega con distintos colectivos sanitarios, e tras escoitalos, Besteiro manifestou que “estamos ante a maior crise da sanidade pública dos últimos 20 anos: con 200.000 persoas agardando unha primeira consulta hospitalaria, nenos sen pediatras, falla de especialistas en saúde mental, centros de saúde fechados ou funcionando de cando en vez, falta de profesionais e contratacións en precario e eventuais". 

Pola súa parte, a candidata de Sumar á Presidencia da Xunta da Galiza, Marta Lois, apelou á mobilización de toda a "Galiza progresista", afirmando que a formación é o "catalizador do cambio". "O PP sábeo", salientou nun acto para dar inicio á campaña no municipio de Cangas, na comarca do Morrazo.

A candidata de Podemos, Isabel Faraldo, escolleu a cidade da Coruña para arrancar a campaña. No acto colaron os carteis que levan por lema "Defende as túas ideas". 

O número un de Vox, Álvaro Díaz-Mella, iniciou en Vigo, acompañado da portavoz no Congreso estatal da formación de ultradereita, Pepa Millán

Democracia Ourensá fixo o propio na capital das Burgas, onde o candidato, Armando Oxea, compartiu acto co alcalde desta cidade, Pérez Xácome.

Máis en POLÍTICA
Comentarios