18-F

Sumar promete crear un grupo de traballo para o "impulso da creación en galego"

Urtasun apela ao voto progresista para apoiar a candidatura de Marta Lois, que propón acabar coa precariedade no sector cultural.
Marilar Aleixandre, Marta Lois e Ernest Urtasun, no acto de Sumar de hoxe. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Marilar Aleixandre, Marta Lois e Ernest Urtasun, no acto de Sumar de hoxe. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O ministro de Cultura e portavoz de Sumar, Ernest Urtasun, comprometeu esta quinta feira a creación dun grupo de traballo para o "reforzo e o impulso da creación en galego". Fíxoo nun encontro previo co sector cultural, no que a candidata á Presidencia da Xunta da Galiza desta formación, Marta Lois, apelou a acabar coa precariedade no sector. Foi en declaracións aos medios, xunto á Premio Nacional de Narrativa 2022 e membro da promotora de Sumar Galicia, Marilar Aleixandre.

Convencido de que Sumar "vai traer o cambio político na Xunta", Urtasun apelou a "toda aquela xente progresista que se mobilizou o 23 de xullo, cando xa o PP en España daba por feita a súa vitoria", para que se mobilice nas eleccións galegas e así lograr o "cambio". De Marta Lois, sinalou que "é a candidata que máis propostas está a facer".

"Somos a primeira forza política aquí que estamos, por exemplo, trasladando a idea de que Galiza sexa, despois de Catalunya, a primeira en aplicar a regulación dos alugueiros, as cuestións do reforzo da sanidade pública, da renda para os mozos", dixo. "Marta Lois está a achegar á campaña frescura e ideas", sentenciou, tamén para asegurar, a colación, que Sumar pretende implantar "as políticas transformadores reais que, por outra parte, xa demostramos no Goberno de España que somos capaces de facer co salario mínimo, coa reforma laboral, etc.".

No ámbito cultural, destacou o momento "extraordinario" polo que atravesa o audivosual galego e aludiu a iniciativa como o Estatuto do Artista. A iso, engadiu iniciativas para a "defensa da lingua galega". Tamén comprometeu a constitución dun grupo de traballo específico para "o reforzo e o impulso da creación en galego", porque, salientou, "temos que coidar as nosas linguas e temos que coidar o galego".

"Abandono" do PP

Pola súa parte, Marta Lois apelou á cultura como "un dereito e un signo da identidade" da Galiza e denunciou as políticas de "abandono e desinterese" do PP nestes anos "por unha falta de orientación e de compromiso". "Imos apostar firmamente pola denuncia da precarización do sistema cultural", sentenciou tamén a candidata de Sumar, quen avogou por "reestruturar e pór no lugar que merece unha Consellaría de Cultura, que aposte efectivamente polo que importa, que é o incremento orzamentario até 2% para o ano 2028".

Tamén propuxo a reestruturación da Corporación de Radio Televisión da Galiza a partir do 18 de febreiro, "cando haxa ese cambio político", aseverou, en relación ás protestas dos traballadores e traballadoras e as súas convocatorias dos 'Venres negros'. Ademais, denunciou a utilización "propagandística" por parte do PP da mesma.

Fronte a iso, defendeu "apostar pola pluralidade e independencia" na citada corporación. Á súa vez, Marilar Aleixandre instou a promover "a cultura desde as aldeas" como unha forma tamén de incentivar o "desenvolvemento do territorio".

Comentarios