O DEBATE | Foron positivos para a Galiza estes 25 anos de sistema euro?

As economistas da USC María Bastida e María do Carme García-Negro debaten sobre o euro con motivo do 25 aniversario da súa entrada en funcionamento.

Reunión das ministras e ministros de Economía e Finanzas dos Estados da UE o 23 de setembro de 2023 en Compostela. Foto Europa Press
photo_camera Reunión das ministras e ministros de Economía e Finanzas dos Estados da UE o 23 de setembro de 2023 en Compostela. Foto Europa Press

O euro na UE, 25 anos

María do Carme García-Negro. Economista da USC

En 1999 entra en vigor o euro como moeda de cambio e destinada a se converter na única da UE: 25 anos de unión monetaria no proceso de unión económica europea. Hoxe a zona euro, coa excepción de Dinamarca, está destinada á totalidade da Comunidad ao cabo do proceso  deseñado. Adoptaremos o enfoque funcional de exame do papel do euro á respeito da Unión Europea. A creación do euro formou parte necesaria da unión económica europea e como tal, podemos aseverar, cumpriu ben os seus fins. A Unión económica como necesidade sistémica de sobreviver e medrar no seo do capitalismo mundial ficaba coxa sen posuír moeda e política monetaria propria. Por esta razón,  é inútil pensar nos beneficios do euro para Galiza: nunca política monetaria propia tivemos, nen coa peseta nen co euro. O Ecu constituíu a resposta monetaria homoxénea ás necesidades dos intercambios na Comunidade, e foi imprescindíbel a moeda única para consolidar a posición na economía mundial da economía da Unión. A ese fin coñecido e logrado de forma programada respondeu favorabelmente o euro. Nos 25 anos de vida mantivo (cambio medio) a súa relación co dólar de forma satisfactoria arredor de 1,1 euros / dólar. O control da inflación resultou tamén satisfactoria, aínda que neste caso concorreron outros factores económicos que impeden atribuír o éxito relativo só á política monetaria. E, así mesmo, logrou eficazmente que a fluidez dos intercambios intra-Europa e co resto do mundo manifestaran un crecemento atribuíbel en parte ao manexo e conta nunha só unidade. É fundamental lembrar o carácter financeiro das relacións económicas na economía mundial: éo por riba dos feitos materiais identificábeis coas transaccións cos intercambios de mercadorías, de servizos e de persoas. Non obstante, había unha ansía ou desexo dos dirixentes políticos comunitarios de equipararse ao dólar como moeda referencia mundial: só foi un desexo e debemos considerar que -outra vez o peso dos feitos materiais-o euro está máis ou menos no lugar que lle corresponde a UE no concerto das potencias mundiais: detrás dos USA, a moita distancia. As reservas dos bancos centrais do mundo en euros son un 20%, en dólares un 59%. O PIB per capita na zona euro era o 88% do PIB per capita USA en 2000, hoxe é o 82,5%: amosa que o crecemento económico dos Estados Unidos foi máis veloz e consistente que o europeo, que perde posicións relativas no mundo, algo que a moeda única non puido evitar. A análise lévanos ás referencias económicas da economía na súa capacidade de seguir a senda do crecemento económico mundial capitaneado nestes momentos polos EEUU. Neste campo a UE só logra camiñar a reboque: perdeu a iniciativa do peso industrial con todo o que isto significa: innovación, investimento novo, demanda de novo emprego e máis crecemento. Neste enfoque da economía do crecemento -crear bases sólidas para o futuro económico- é onde reside o problema Galiza / UE na dispoñibilidade dun fluxo continuo de fondos dispoñíbeis e nunha perda continua de capital e forza de traballo propria.


Cando vendimos pesos a catro pesetas

María Bastida. Profesora da USC

A adopción do euro supuxo un fito significativo na historia económica europea, pero tamén nas nosas vidas. Quen non lembra aquelas calculadoras de man, ou os esforzos case cómicos para traducir prezos a pesetas? Ou quen non fixo malabares para comprender o valor nesta nova moeda? E logo estaban os comentarios sobre os redondeos, ou a ausencia deles, sospeitando que o prezo do café levaba implícito unha inflación difícil de xustificar. Estas anécdotas, agora case triviais, merecen un lugar entre os méritos que contaremos aos nosos netos. Probablemente eles xa non saiban nin o que son as moedas, afeitos a un mundo de transaccións dixitais. Pero para nós, eses primeiros anos do euro son un recordatorio de como nos adaptamos ao ritmo dun continente que estaba a redefinir a súa identidade económica e cultural.

Nacido coa ambición de fornecer a integración de Europa, o euro xurdiu como moeda virtual para transaccións bancarias e electrónicas, e non foi ata 2002 cando as moedas e billetes físicos entraron en circulación. En España, tan afeitos ao last minute, apenas pensamos no impacto do cambio ata que nos vimos obrigados a empezar a manexar os novos billetes. Repetimos "en euros ou pesetas?" durante meses, revelando a necesidade de adaptarse a unha nova forma de entender e manexar a nosa economía.

Case un cuarto de século despois, miramos atrás e preguntámonos que gañamos e perdemos coa adopción do euro. Representou un compromiso cara a unha Europa unificada, eliminando barreiras monetarias e permitindo maior eficiencia económica e estabilidade financeira. Tamén facilitou un comercio máis libre e un fluxo de capital máis áxil entre os países membros, contribuíndo ao crecemento económico. Porén, a crise financeira mundial e a crise de débeda europea sacaron á luz as gretas na unión monetaria, evidenciando que unha moeda común non pode resolver por si soa desequilibrios económicos estruturais. A tensión entre as economías máis fortes e as máis débiles da zona euro destacou a necesidade dunha maior coordinación fiscal e política, desafío que aínda persiste. Estas disparidades económicas entre os Estados membros do norte e do sur de Europa, e a perda de control sobre a política monetaria nacional, seguen sendo puntos críticos. A todo isto debemos engadir retos inmediatos como a dixitalización das finanzas, a consolidación fiscal ou as presións xeopolíticas.

Quizá houbo un exceso de ambición ou de expectativas, ao pensar que a moeda única era un elemento de unión. Este idealismo talvez escureceu o feito de que a construción dunha Europa unida van máis aló dunha moeda común, empezando por fomentar unha maior proximidade e entendemento entre os seus cidadáns e Estados membros. O euro, neste sentido, foi condición necesaria, pero non suficiente. A verdadeira unión europea require compromiso, comprensión e colaboración mutua. E aí, francamente, queda camiño por percorrer.

Comentarios