28-M

Formoso destaca que o PSdeG mantén un "poder relevante" nos concellos mais lamenta a perda de Santiago

"Non albiscabamos esa posibilidade", admitiu, preguntado polo 'sorpasso' do BNG de Goretti Sanmartín.
Valentín González Formoso.
photo_camera Valentín González Formoso, esta noite. (Foto: CRTVG)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Fomroso, destacou esta noite que o Partido dos Socialistas da Galiza consegue manter un poder municipal "moi relevante" a pesar de experimentar un descenso de apoios "dentro da tendencia estatal". Formoso pronunciouse deste modo nunha rolda de prensa na sede do PSdeG, na que compareceu case a medianoite, co feche do escrutinio.

Na súa intervención, o xefe de filas dos socialistas galegos sostivo que a súa formación logra manter un poder "moi importante". "Mantemos as tres provincias, as grandes cidades que representan o ámbito máis dinámico e máis de 1.000 concelleiros", afirmou, malia que os datos das circunscricións de Pontevedra e Lugo aínda non fecharon.

Aliás, enmarcou a perda de apoios rexistrada polo PSdeG nunha "vaga estatal" de descenso de apoios do Partido Socialista, mais puxo en valor que mentres que o PP sobe nove puntos no conxunto do Estado español, na Galiza esta alza redúcese a cinco puntos, o que, na súa opinión, "debería preocupar a Alfonso Rueda".

Preguntado polo 'sorpasso' do BNG en Santiago, Formoso asegurou que "non o esperaba", pois as enquisas diarias "apuntaban un diferencial entre PSOE e BNG de máis ou menos dous edís". "Non albiscabamos esta posibilidade", recoñeceu.

Porén, e logo de reaccionar ao anuncio do actual rexedor da capital, Xosé Sánchez Bugallo, de non tomar posesión da súa acta no novo mandato asegurando que é "unha gran referencia" para o partido", mostrouse "optimista" co futuro da cidade, pois o que previsibelmente encabezará a nacionalista Goretti Sanmartín será "un goberno de progreso".

Comentarios