Formoso pon en valor os gobernos socialistas no rural fronte á "vaga de recortes" da Xunta

O secretario xeral do PSdeG e Besteiro acompañaron en Trabada á presentación da candidatura socialista no municipio, nun acto no que Formoso acusou o Goberno galego de ir á Mariña "só a facer dano" e a "tentar fechar Alcoa".
Besteiro e Formoso arrouparon en Trabada á candidata socialista á reelección, Mayra García. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Besteiro e Formoso arrouparon en Trabada á candidata socialista á reelección, Mayra García. (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, puxo en valor este domingo o traballo dos gobernos socialistas en municipios do interior do país fronte a unha "vaga de recortes" que atribúe ao Goberno galego e que, denunciou, mingua os servizos públicos nestes concellos.

En declaracións aos medios antes do acto de presentación da candidata á Alcaldía de Trabada (A Mariña), Mayra García Bermúdez, Formoso asegurou que no rural galego "o transporte practicamente xa non existe" ou que "os colexios están fechados ou ameazados de fechamento".

Nesta liña, criticou tamén que os ambulatorios "teñen un catálogo de servizos mínimo, que só coñecen en países subdesenvolvidos" e que, manifestou, "están ameazados tamén pola proposta de fechamento de moitos centros de saúde que quedou no caixón hai un tempo e que seguramente ameace con volver saír".

Así, reprochou que a Xunta "só vén facer dano" a esta comarca. En concreto, apuntou, no ámbito do emprego, a "tentar fechar Alcoa", "en contra" do "sentido común" do persoal da factoría, que negociou unha reapertura, salientou o líder dos socialistas da Galiza.

Por outra parte, afirmou que a precampaña das eleccións do vindeiro 28 de maio vai "francamente ben", con "locais cheos de veciños" que, subliñou, acoden "non tanto polas promesas, senón a agradecer o traballo" das e dos representantes locais do PSdeG. Formoso puxo o foco en que está "a percorrer Galiza, tanto o interior como a costa, o ámbito urbano e o rural", onde o socialismo ten "unha presenza moi contundente", ao gobernar "practicamente a 60% da poboación galega no ámbito municipal".

Ao caso concreto de Trabada aludiu na súa intervención a candidata local, Mayra García: "Herdamos [en 2015] un Concello cunha rede de estradas intransitábel e moi deteriorada, con inmóbeis nos que chovía dentro e nos que apenas se facían obras. Tampouco se realizaban actividades lúdicas, nin para os máis pequenos, nin para os maiores. Un Concello sen ningún servizo público municipal, porque Trabada lles pertencía a eles, e si, tamén, un Concello sen un céntimo".

Tamén falou no acto o delegado do Goberno estatal na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, que lembrou que García vencera nas municipais de 2015 após demandar a construción dunha residencia de maiores no municipio a conta da Deputación de Lugo, "independentemente de quen a gobernase" tras a cita coas urnas. "Iso é o que nos diferencia a nós do PP. Cando se coñece como se traballa no Partido Socialista, un acaba namorando do Partido Socialista", concluíu Besteiro.

Comentarios