Formoso cre que Rueda debía visitar antes Bruxelas que Iberoamérica

O líder do PSdeG subliñou nunha visita este sábado a Vilalba que “compartimos a obriga de estreitar os lazos cos galegos e as galegas no exterior, mais neste momento hai outra prioridade”.

Valentín González Formoso visita á empresa Champivil, en Vilalba (Foto: Nós Diario).
photo_camera Valentín González Formoso visita á empresa Champivil, en Vilalba (Foto: Nós Diario).

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, visitou este sábado Vilaba. Nese contexto afirmou que “a primeira viaxe de Rueda debera ser a Bruxelas”, para “defender os intereses dos galegos e galegas” afectados polo veto á pesca de arrastre.

O líder socialista referiuse á viaxe do presidente da Xunta da Galiza a Iberoamérica e lembrou que o seu partido comparte “a obriga de calquera representante político galego de estreitar lazos cos galegos e galegas no exterior”.

Formoso entende que “hai outras prioridades” e afeoulle a Rueda que non seguira o exemplo do presidente de Andalucía e do propio Formoso cando se desprazou hai xa semanas até Estrasburgo para manter un encontro co comisario de Pesca, Sinkevicius.

O socialista sinalou que el mesmo lle trasladou ao comisario o “malestar da pesca galega e a innecesariedade de aplicación” do Regulamento. Este veto, afirmou, “afecta a case o 30% da pesca galega, en portos como os de Vigo, A Coruña, Celeiro, Burela, Ribeira ou A Guarda” para protexer un medio natural que está “perfectamente preservado polos pescadores dende hai décadas”.

Sinalou así que a primeira viaxe dun presidente da Xunta debera ser á capital europea, para “pór en valor á Galiza diante das institucións comunitarias” e defender os seus intereses.

Día da Muller Rural

O líder socialista fixo estas declaracións despois da visita á empresa Champivil, en Vilalba, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Muller Rural. Salientou que esta empresa, “capitaneada por unha muller galega do rural”, leva décadas “pondo en valor os produtos da terra, sabendo comercializalos, aportarlles valor engadido de coñecemento e tecnoloxía”.

Formoso avogou por “pór en valor” o traballo destas empresas e “fomentar a figura” das entidades galegas que traballan “creando valor e emprego no rural”.

Comentarios