Formoso chama a impedir que Feixoo chegue a Moncloa para que non cambie "para mal, como fixo na Galiza"

Pola súa parte, o PP acusa o Goberno de Sánchez de "desconectar a Galiza, por estrada e por tren".
Acto das e dos socialistas galegos na Coruña, este domingo. (Foto: PSdeG)
photo_camera Acto das e dos socialistas galegos na Coruña, este domingo. (Foto: PSdeG)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, fixo este domingo un chamamento ao seu partido a traballar para "evitar" que Alberto Núñez Feixoo chegue á Moncloa e "feche a porta dos soños" á cidadanía do Estado español, "cambiando a peor como xa fixo coa Galiza no seu mandato".

Así o manifestou nun acto decorrido na Coruña xunto ao ministro de Presidencia, Félix Bolaños, do que tamén participou a alcaldesa da cidade, Inés Rei. Dentro do balance que fixo da etapa de Núñez Feixoo á fronte da Xunta, lamentou a perda de 138 colexios, o recorte de 976 profesionais médicos "só na atención primaria" ou a caída poboacional en até 130.000 habitantes desde 2009, así como a débeda pública, de 11.700 millóns de euros, "triplicada" polos seus gobernos.

En contraposición co que afirmou sobre Feixoo, Formoso asegurou que os socialistas queren "facer soñar a sociedade e facer realidade os seus soños". Neste senso, falou da "modernización" do Estado español cando se integrou na Unión Europea da man de Felipe González ou o "liderado europeo" en materia de "protección social e revolución económica" no actual Goberno de Pedro Sánchez.

Pola súa parte, Bolaños amosou as "debilidades" de Feixoo como líder da oposición a nivel estatal após o debate desta semana con Sánchez no Senado. O presidente do PP, dixo, "demostrou falta de rigor, de propostas, de vontade para chegar a acordos, de equipo e, sobre todo, de verdade".

Aliás, Inés Rei cuestionou a "incomparecencia" do Goberno galego, que "só sabe recortar e mentir", ao tempo que agradeceu o labor do Executivo estatal, "que mira cara ao norte", en alusión tamén ao cumio hispano-alemán que decorrerá na Coruña en outubro.

O PP acusa Sánchez de "desconectar a Galiza"

Unha visión radicalmente oposta da xestión política na Galiza e o Estado ten o PP de Lugo, que este domingo mantivo unha xuntanza en Monforte co presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o vicepresidente primeiro, Francisco Conde; a presidenta provincial, Elena Candia; o secretario xeral, Javier Nodal, e alcaldes, deputados e senadores da zona.

Encontro do PP con militancia de Monforte. (Foto: PP)
Encontro do PP con militancia de Monforte. (Foto: PP)

"O Goberno de Sánchez desconecta a Galiza e marxina Lugo, que queda descolgado en materia de comunicacións", lamentaron os populares, que falaron concretamente da "falta de investimentos" nos servizos ferroviarios.

Unha desconexión, defenderon, que "tamén se dá na estrada", aludindo ao "atraso na construción da A-76 ou a falta de impulso da A-56", así como o derrubamento do viaduto da A-6.

Comentarios