González Formoso chama a facer "unha revolución tranquila no mundo rural"

O secretario xeral dos socialistas galegos alerta do abandono do rural por parte da Xunta da Galiza

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, asistiu á Festa dá Malla de Meira. (Foto: PSdeG).
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, asistiu á Festa dá Malla de Meira. (Foto: PSdeG).

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, sinalou este domingo o "abandono do rural" por parte da Xunta como un dos factores determinantes para que a Galiza "sexa a Comunidade autónoma co peor comportamento demográfico".

O líder dos socialistas galegos expresouse así na súa visita á Festa da Malla de Meira onde recalcou que o abandono do medio rural é un elemento crítico sen o cal non se pode explicar nin atallar a crise demográfica.

O PP só ve no rural un territorio no que sancionar

Formoso apostou por "facer unha revolución tranquila no mundo rural", que permita "ilusionar, moralizar e respectar á xente nova que queira vivir no rural". Reclama así "políticas de reactivación da actividade económica que permitan que os pobos pequenos recuperen poboación".

Perda de poboación

Instou tamén a tomar medidas para recuperar o talento e á xente nova "que hai décadas que comezou a irse, cando empezou a gobernar o PP", e lembrou que esta etapa supuxo a perda de 150.000 habitantes na Galiza, "onde só nacen cada día 38 nenos, en contraste con Irlanda, que nos anos 60 tiña a mesma poboación que Galiza e hoxe supera o seis millóns", fronte aos 2,7 do territorio galego.

Neste sentido, Formoso criticou o partido no Goberno, "un PP que só ve no rural un territorio no que sancionar, en lugar de aproveitar as potencialidades que atesoura, que é un dos piares do futuro dunha Galiza vinculada á ciencia, á tecnoloxía, á industria, á cadea mar-industria e agroalimentaria".

Finalmente apuntou cara ao sector forestal, "un alicerce que está en perigo polo abandono demográfico que se evidencia en que cada ano hai máis incendios". 

Réplica

O PP de Lugo recomendou ao secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, en resposta ás súas palabras, que "dea instrucións" aos alcaldes socialistas para que "traballen para crear as condicións para asentar poboación no rural".

Comentarios