28-M

Formoso e Calviño arroupan Bugallo nun acto inzado de críticas á Xunta

A vicepresidenta e ministra celebra o "bo entendemento" de Moncloa co Goberno socialista de Santiago.
No centro da imaxe, Nadia Calviño, Xosé Sánchez Bugallo, Valentín González Formoso e José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera No centro da imaxe, Nadia Calviño, Xosé Sánchez Bugallo, Valentín González Formoso e José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Nós Diario)

Santiago de Compostela volveu ser na mañá desta sexta feira, primeiro día de campaña electoral, o epicentro dos actos do PSdeG. O seu secretario xeral, Valentín González Formoso, acompañou nun almozo informativo o candidato na cidade, Xosé Sánchez Bugallo, e mais a vicepresidenta e ministra de Asuntos Económicos do Goberno español, Nadia Calviño, nun evento no que o líder dos socialistas na Galiza gabou a xestión dos fondos europeos desde Moncloa; non así no seo da Xunta, cuxa actuación, dixo, foi de "vergoña". En San Caetano, afirmou, están "dispostos" a "sacrificar os traballadores de Alcoa" se iso serve para "enfrontarse" ao Executivo estatal.

Formoso emprazou a "sacar conclusións" de que a pandemia foi un paro sen precedentes no mundo económico e empresarial, onde case todos os negocios tiveron que fechar durante un período indeterminado, momentos nos cales houbo unha "grande incerteza de cara ao futuro", salientou. Neste contexto, os cartos chegados desde Bruxelas son "unha oportunidade de crear un novo tipo de economía verde e sostíbel", celebrou.

"A filosofía dese plan é impulsar os proxectos tractores que sexan capaces de mudar a realidade socioecnómica deste país", apuntou Formoso, quen precisou que as iniciativas deste tipo que dependen deste investimento europeo para ser impulsadas no ámbito industrial e enerxético nos vindeiros anos na Galiza, polo que chamou a "concretar os fondos baixo a fórmula do consenso".

O proceder do Goberno galego, sinalou, "pon en risco todos e cada un deses proxectos", entre os que nomeou a planta de Stellantis en Vigo, Alcoa na Mariña de Lugo, ou o proxecto de Resonac na Coruña, para os cales o Goberno español "está facendo un gran traballo" para garantir a súa supervivencia.

Tamén destacou a "transcendencia" que terá que Santiago acolla unha reunión do Consello de Ministros de Economía e Finanzas (Ecofin) durante o semestre da presidencia española da UE, que "permitirá que a capital galega recupere o seu papel protagonista" na organización deste tipo de cumios.

Na súa quenda de intervención, a vicepresidenta Calviño agradeceu o "bo entendemento" de Moncloa co Executivo local de Sánchez Bugallo, algo que, subliñou, "é fundamental para que as cousas saian o mellor posíbel". "Xuntos somos máis fortes, claramente", engadiu, ao tempo que tamén demandou máis "colaboración" por parte da Xunta.

Pola súa parte, o rexedor agradeceu a visita da ministra, "unha das máis esperadas" na campaña, pois as palabras de Nadia Calviño, afirmou, "serven para despexar incertezas". Malia o "difícil" contexto dos últimos catro anos, marcado por "unha pandemia e mesmo unha guerra", Bugallo celebrou que Santiago tornou "na cidade da Galiza que menos paro ten".

A súa "gran" preocupación como alcalde e candidato á reelección, manifestou, é "garantir o futuro das novas xeracións", para o que solicitou o apoio do Goberno de Pedro Sánchez. Se ben a cidade "está a medrar espectacularmente en materias como turismo e loxística", dixo, o que "demanda" o estudantado formado na USC é "traballar en campos como a biotecnoloxía e a intelixencia artificial", ámbitos nos que se podería "medrar" con fondos do Estado.

Comentarios