Feixoo convoca esta cuarta feira unha Xunta Directiva do PPdeG para anunciar se marcha a Madrid

O presidente da Xunta e dos populares da Galiza insta a "calquera militante" que crea que pode presidir o partido a presentar a súa candidatura.
A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso; o presidente da Rexión de Murcia, Fernando López Miras; o de Andalucía, Juanma Moreno, e o da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, esta terza feira, na Xunta Directiva Nacional do PP (Foto: duardo Parra / Europa Press).
photo_camera A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso; o presidente da Rexión de Murcia, Fernando López Miras; o de Andalucía, Juanma Moreno, e o da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, esta terza feira, na Xunta Directiva Nacional do PP (Foto: duardo Parra / Europa Press).

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, que esta cuarta feira asiste en Madrid á Xunta Directiva Nacional do PP para convocar o Congreso extraordinario do que podería saír elixido líder do partido a nivel estatal, informou en declaracións aos medios de que anunciará a súa decisión definitiva sobre se acepta ou non o encargo unánime dos 'baróns' populares esta cuarta feira.

Será tras a reunión da Xunta Directiva do PPdeG que vén de convocar en Compostela para esta cuarta feira ás 17.30 horas. "Imos falar co PP e ver desde a Galiza como podemos axudar e comprometernos ante a situación actual do partido, e cando os escoite dirixireime aos compañeiros do PPdeG e de todo o Estado, e máis importante, ao conxunto dos españois, para trasladar a decisión onde corresponde", dixo.

Núñez Feixoo fixo fincapé en que "a forma é a garantía das cousas", polo que avoga por "respectar a forma, os procedementos e as leis, que para o PP son os seus estatutos".

"Chegou o momento de que os afiliados falen, con nitidez, con liberdade e sen presións, e co único obxectivo de acertar. Empezou un Congreso extraordinario e urxente do partido; extraordinario porque a situación orgánica do partido así o requiría, e urxente porque temos que zanxala e pornos ao dispor do noso país", concretou o presidente da Xunta.

Afirmou, aliás, que a situación á que chegou o partido nos últimos días "non é de recibo, nin para as persoas militantes nin para calquera cidadán con dereito a voto".

O actual líder dos populares galegos salientou que a súa formación é "un instrumento democrático da España constitucional", á que, dixo, "nunca" lle fallou.

Por outra parte, convidou a "calquera afiliado que crea que pode presidir o PP" a que presente a súa candidatura. "Eu fíxeno en 2003 e non era o candidato con máis opcións, e hoxe estou aquí como presidente da Xunta e do PPdeG", engadiu.

Aliás, Feixoo afirmou que a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, é un "activo incuestionábel" do PP: "É a presidenta de Madrid e, polo tanto, unha persoa honorábel á que imos defender porque non nos presenta dúbidas sobre a súa honorabilidade".

Comentarios