Que pasaría na Xunta se Feixoo acepta liderar o PP e marchar a Madrid?

Os 'baróns' do PP erixiron en líder Núñez Feixoo por aclamación popular. Se o presidente galego aceptase finalmente o encargo... Que pasaría na Galiza? Seguiría á fronte da Xunta? E, se non, quen o substituiría e en que prazos? Podería haber eleccións anticipadas?
Alberto Núñez Feixoo, á súa chegada ao Parlamento na sesión de control desta cuarta feira (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, á súa chegada ao Parlamento na sesión de control desta cuarta feira (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

Co actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no foco mediático como o candidato favorito para suceder Pablo Casado á fronte do PP estatal, xorde unha pregunta esencial: que pasaría co Goberno galego?

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, é visto como a substitución "lóxica" e parte como o mellor situado, alén de cumprir o requisito legal de posuír unha acta de deputado no Parlamento para unha hipotética substitución de Feixoo. O vicepresidente segundo e responsábel económico do Executivo, Francisco Conde, tamén ten un escano, do mesmo modo que outros dirixentes destacados da formación como Diego Calvo, Elena Candia ou Pedro Puy, actual portavoz parlamentario do grupo.

Mais, atendendo aos preceptos legais, Feixoo podería continuar como presidente da Xunta aínda que dirixise o PP estatal —non así como xefe de filas dos populares galegos, que se verían abocados ao seu propio congreso extraordinario—. 

Esta quinta feira Rueda eludiu, a pesar das reiteradas preguntas dos medios, desvelar se el ve posíbel compaxinar ambas as tarefas, aínda que a visión máis estendida na formación é que o dos Peares tería "demasiado traballo" en Madrid.

No caso de que Núñez Feixoo dimitise, o Estatuto da Galiza prevé a folla de ruta que daría pé a que a substitución se materializase no prazo dun mes. O seu cesamento implicaría tamén o dos seus conselleiros, que seguirían en funcións até a conformación dun novo Executivo unha vez cumprimentados os correspondentes trámites parlamentarios.

A outra vía, que descartan por completo fontes populares, é un adianto electoral. Mais no PPdeG lembran que as últimas eleccións galegas foron no verán de 2020 e teñen unha ampla maioría absoluta chamada a soster o Goberno con comodidade durante máis de dous anos, o que daría marxe tamén para dar "rodaxe" a un sucesor ou sucesora.

Comentarios