23-X

Feixoo pide unha reunión a Sánchez para pactar a súa investidura

Alberto Núñez Feixoo vén de solicitar unha reunión a Pedro Sánchez para negociar a súa investidura. O líder popular agarda conseguir o apoio do dirixente socialista, por ser o candidato máis votado nas eleccións de 23 de xullo.

A última reunión de Pedro Sánchez con Alberto Núñez Feixoo como presidente da Xunta foi en abril de 2022. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera A última reunión de Pedro Sánchez con Alberto Núñez Feixoo como presidente da Xunta foi en abril de 2022. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

Alberto Núñez Feixoo fixo pública este domingo unha carta remitida ao presidente Pedro Sánchez, onde lle solicita unha reunión para recadar o seu apoio de cara a investidura. A carta do presidente popular a Sánchez atende a lóxica interna da súa formación, onde a totalidade dos dirixentes descontan un cambio no liderado se Feixoo non consegue a súa elección como presidente do Goberno.

A misiva de Feixoo sinala que “España non se merece unha situación ingobernábel e tampouco podemos permitirnos un bloqueo nun momento tan relevante para a nosa economía e as nosas institucións, en plena Presidencia española do Consello da Unión Europea”.

O dirixente popular lembra a Sánchez que “póñome en contacto contigo, desde a responsabilidade que incumbe o candidato e presidente do Partido Popular como gañador das eleccións xerais”.

Apoio

O presidente do PP reclama “como candidato con maior apoio cidadán, con vontade de dar continuidade aos precedentes de alternancia política, exprésoche o meu desexo de manter unha reunión ao longo desta semana para tratar dos asuntos que esbocei, para coñecer as túas posicións e poder detallarche as miñas na responsabilidade que acompaña ao candidato da forza política gañadora”.

Feixoo insiste a Sánchez na necesidade de "estabelecer un diálogo responsábel, en beneficio da estabilidade política e institucional de España” e alerta sobre o risco dun Goberno do que non faga parte a forza maioritaria.

O líder dos populares apunta que " un factor continuo de gobernabilidade e normalidade no noso país ao longo de toda a súa traxectoria democrática constituíuno o recoñecemento que a forza política gañadora en eleccións xerais é a que ten que gobernar, enfronte de eventuais combinacións negativas que polaricen á sociedade”.

A defensa do Goberno da lista máis votada foi formulada por Feixoo en diferentes momentos da campaña das estatais, após formalizar acordos para gobernar tras as municipais en diferentes concellos onde non acadaron a condición de primeira forza.

Comentarios