Feixóo entremétese na crise de En Marea e chama “deputado en diferido” a Hermida

A interminábel crise interna de En Marea derivada da disputa polo escano de Paula Quinteiro é vista como unha oportunidade pola dereita. Alberto Núñez Feixóo non a deixa escapar e onte, durante un acto de entrega de carnés a afiliados do PP, tomou partido e cualificou Xoán Hermida de “deputado en diferido”.
 

Feijóo Xunta Consello de goberno
photo_camera O presidente da Xunta Alberto Núñez Feixóo.

“Para o PP galego, a política non é pelexar por un escano, non é ser deputado en difereido, non é dividir os nosos veciños entre bos e malos galegos”, afirmou. O curioso da expresión “deputado en diferido” é que se trata dunha variación sobre as confusas explicación que, no seu día, ofreceu Dolores de Cospedal -secretaria xeral do PP español- a respecto dos vínculos aínda existentes entre Luis Bárcenas e o seu partido.

Mais a Feixóo non lle importa reconverter en artillaría propia os erros e as medias verdades dos seus compañeiros e compañeiras de formación. Onte, ademais, afirmou que o papel do PPdeG “é escoitar os galegos, traballar polos galegos, apoialos nos fracasos e acompañalos nos éxitos”. “Políticos que apostan á división, á confrontación constante e á crispación parecen gozar do favor popular”, engadiu, “pero, máis tarde ou máis cedo, os cidadáns poñen a cada un no seu lugar”.

Desavinzas interminábeis

En Marea, aínda a primeira forza da oposición con 14 asentos no Hórreo -un deles, o que ocupa “de maneira interina” Xoán Hermida, no aire-, non dá resolto as súas desavinzas. Esta mañá reúne o Consello das Mareas -que boa parte dos grupos e partidos que conforman a “confluencia” nin sequera recoñecen- para seguir a tratar da crise Quinteiro.

Este órgano reclama a dimisión da deputada Paula Quinteiro -Podemos, sector Anticapitalista- por un incidente nocturno coa Policía Local de Compostela hai máis dun mes, amplificado pola prensa afín ao PP. Tamén o fan o portavoz de En Marea e do grupo parlamentario Luís Villares e outros dous dos parlamentarios. Once deputadas e deputados, porén, consideran que o asunto non ten relevo.

No medio deste cru enfrontamento, transcendeu que outro deputado -Juan Merlo, Podemos sector oficial- inchara o seu currículo pendurado no web do Parlamento de Galiza. Dimitiu. O seguinte na lista de En Marea por Pontevedra era Xoán Hermida -antes Espazo Ecosocialista, agora Marea de Pontevedra-. Mais tamén transcendeu un seu incidente coa Policía Local de Pontevedra. Daquela, Hermida anunciou que nun "exemplo de ética" renunciaba ao escano.

Agora, no entanto, Xoán Hermida recuou e pretende empregar a asunción do asento no Parlamento como medio de presión contra Paula Quinteiro. O que se xoga nesta pelexa sen fin son os equilibrios internos de En Marea e certas diferenzas políticas con implicacións no eixe dereita-esquerda e mais no nacional.

Comentarios