Feixoo di que o de Ceuta é "a factura" que España paga polo "efecto chamada" do Goberno estatal

Carga contra a política migratoria "errada" do Executivo español.
Feixoo na rolda de prensa para informar das medidas sanitarias. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Feixoo nunha imaxe de arquivo (Foto: Xunta da Galiza)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, asegurou esta cuarta feira que a crise migratoria en Ceuta é a "factura" que o Estado español está "a pagar" pola política de "efecto chamada" que o Goberno español expuxo nos últimos anos de forma "errada".

Unha interpretación do que está a acontecer estes días en Ceuta que casa coas que nas últimas xornadas se veñen expoñendo desde dirixentes do PP e de Vox, que tamén falan dun “efecto chamada” na política migratorio do Executivo español.

En declaracións aos medios na súa visita á Feira Internacional de Turismo, o dirixente galego sinalou que, a pesar de todo, este "problema de Estado" resólvese con "altura e política de Estado". "Creo que, neste momento, o importante é a unidade", sostivo.

Nesta liña, Feixoo criticou duramente Marrocos por unha acción "inadmisíbel" e por incumprir "todos os tratados internacionais". "O que fixo non é en ningún caso aceptábel", continuou, sinalando que, con todo, débese "restablecer a confianza" cun "país veciño, cliente e aliado" do estado español.

Foro

Foro Galego de Inmigración cualifica de "ilegais" as devolucións en quente que se realizaron en Ceuta e criticou o despregamento de militares na cidade autónoma, onde accederon miles de persoas de forma irregular nos últimos días.

Nun comunicado, esta entidade remarcou que a "militarización da fronteira sur" representa "un feito inédito" en relación ao tratamento da migración no Estado español e rexeitou o " gravísimo xiro dado polo Goberno español" coa “utilización do Exército para estas actuacións".

Comentarios