xoves 24/09/20

Feixoo defende manter o 12-X na Mariña e afirma que hai candidaturas que "non teñen como obxectivo salvar vidas”

O presidente e candidato do PPdeG defende a xestión no rebrote na comarca do norte galego.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, en rolda de prensa (Imaxe: Europa Press).
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, en rolda de prensa (Imaxe: Europa Press).

“Nós facemos caso aos profesionais sanitarios, que son os que nos salvaron a vida durante o núcleo duro do ataque masivo do virus. Creo moito máis nos que nos salvan a vida que nalgúns partidos políticos que se presentan ás eleccións e que probabelmente non teñen como obxectivo salvar vidas senón outros obxectivos”. Así respondeu Núñez Feixoo na comparecencia após o Consello da Xunta á pregunta de Nós Diario sobre que razóns o levaron a defender o venres e o sábado da semana pasada que tiña a situación controlada, cando un informe do Sergas do sábado 4 afirma que non había tal control da situación.

O presidente da Xunta e candidato do PPdeG optou por non responder directamente ao que se lle preguntaba e baseou a súa resposta en alegar que a súa actuación atinxiuse ao que propuñan os profesionais sanitarios, para alén do ataque á oposición.

Feixoo ratificou que, se o valida o comité clínico esta sexta feira, procederase a levantar o peche dos accesos en case toda a comarca da Mariña agás en Burela e, se o aconsellan as últimas cifras, algún outro concello máis afectado polo brote do coronavirus.

"O lóxico é manter a restrición de mobilidade só en Burela ou nalgún municipio máis en función dos positivos. Veremos os resultados das PCR de hoxe", indicou Feiixoo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

Nela, incidiu en que Burela concentra 80% dos casos positivos --"unha boa noticia desde o punto de vista da saúde pública, porque se está acertando nos contactos"-- e defendeu que o obxectivo é manter durante o "mínimo tempo posíbel" a limitación xenérica na zona dun dereito fundamental como é o de moverse en liberdade.


 

comentarios