Propón aumentar o teito de gasto en 250 millóns para 2017

Feijóo defínese como “un militante de Galiza” e anuncia o fin dos recortes

Acabou a época dos recortes e comeza a dos orzamentos expansivos. Esa é a principal liña argumental do discurso de Feijóo no comezo da sesión de investidura. O presidente da Xunta marcou un obxectivo moi ambicioso para os próximos catro anos: rebaixar en 7 pontos a taxa de paro do país.

Sesion de Investidura do Presidente da Xunta de Galicia
photo_camera Feijóo, na leitura do seu discurso

De acreditarmos no discurso de Feijóo, o goberno galego estaría a piques de dar unha xiradela de 180 graos ás políticas procíclicas aplicadas desde 2009. Sopran ares keynesianos en Monte Pío. Feijóo anunciou que “as contas serán expansivas todos os anos” nesta nova lexislatura e salientou que unha das primeiras tarefas do executivo será propor ao lexislativo a aprobación dun teito de gasto para 2017 que poña “case 250 millóns de euros máis a disposición dos galegos”.

A que destinará o goberno eses recursos suplementarios? Basicamente a facer políticas que impulsen a criación de emprego. O obxectivo que se marca Feijóo é realmente ambicioso: criar 100 mil postos de traballo na lexislatura. O albo, colocar a taxa de desemprego por debaixo do 10 por cento. Neste momento, segundo a EPA, Galiza ten un 16,3 por cento de paro, dados correspondentes ao terceiro trimestre.

O obxectivo que se marca Feijóo é realmente ambicioso: criar 100 mil postos de traballo na lexislatura 

Na parte máis política do seu discurso, Feijóo voltou a comparecer como un político que levita por cima dos partidos, nunha especie de remake da campaña que o 25S lle permitiu imporse por goleada á oposición (41 escanos face 34). El é Galiza. Feijóo non sería tanto un militante do PP como un “militante da Galiza”. Frase directamente concebida para ser titular. Obxectivo conseguido.

Feijóo mostrou tamén talante conciliador e dialogante, un clásico en todas as investiduras. Entre as ofertas de entente coa oposición destaca unha proposta en materia de lingua, destinada a materializar un acordo que permita incrementar o uso da lingua galega nas xeracións máis mozas.

Na relación co Estado, non houbo rastros dun Feijóo máis autonomista. Estábel. Sustentábel. Progresivo. Eses tres adxectivos son os que deberían cualificar o novo financiamento autonómico, dixo, e nesta materia alertou contra a tentación de facer política identitaria a conta das cuestións facendísticas, nunha clara alusión ás propostas soberanistas -a demanda dun concerto económico para Galiza- do Bloque Nacionalista Galego.

Si estivo reivindicativo en materia de infraestruturas. Enfatizou que “non imos renunciar ao AVE a Lugo”, isto é, a unha liña de alta velocidade Lugo-Ourense-Madrid que faga ese percorrido en tres horas.

Comentarios