A oposición ve un Feijóo “inmobilista”, afastado da realidade e o PP fala dun discurso “completo”

BNG critica que Feijóo “deixe Galiza sen esperanza”, En Marea cualifica de “errónea” a intervención do presidente en funcións e o PSdeG fala de “decepción”.

Parlamento da Galiza
photo_camera Parlamento de Galicia

Non convenceu Núñez Feijóo os grupos da oposición co seu discurso de investidura. “Inmobilista”, “errado” ou “decepcionante” foron algúns dos calificativos dados á intervención do presidente en funcións por BNG, En Marea e PSdeG. Non partilla eses adxectivos, obviamente, o grupo popular, que parabenizou Feijóo polo que dixo que fora un discurso “completo”.

Ana Pontón (BNG)

A portavoz do BNG considera que o discurso de Núñez Feijóo “déixanos sen ambición de país e deixa Galiza sen esperanza”. Para Pontón, foi un discurso “inmobilista” e no que o presidente en funcións amosou padecer unha “síndrome aguda de Monte Pío” no seu afastamento da realidade do día a día dos galegos.

Fixo as mesmas promesas que hai catro e oito anos, asegurou a portavoz nacionalista, que lamentou que Feijóo renunciase a dar pasos adiante para cambiar o modelo e ter maiores cotas de autogoberno.

Luis Villares (En Marea)

O portavoz de En Marea dixo que Feijóo pronunciara un discurso “esgotado” no que repetiu “promesas incumplidas” e no que “botamos en falta unha ollada a unha Galiza real que vive e sobrevive con moitos problemas”. Criticou a “absoluta falta de ambición” en materia de autogoberno e considera que Feijóo está xa “noutras espectativas”.

“Notamos un esgotamento completo do discurso, unha repetición das promesas incumpridas do 2012 pero aínda cunha menor ansia de goberno”, afirmou Villares, que augurou “unha lexislatura e un goberno con pouco que ofrecer e sen moita esperanza que traer ao conxunto da sociedade”.

Xaquín Leiceaga (PSdeG)

Da escasa ambición que desprendía o discurso falou tamén o portavoz do PSdeG, Xaquín Leiceaga, para quen a intervención de Núñez Feijóo foi decepcionante e inmobilista, anunciando que vai continuar na liña de “continuidade” a respecto destes anos. Leiceaga lamentou que no discurso non se dese importancia a a temas como a igualdade de xénero ou ampliar o autogoberno. Anunciou que o Partido Socialista realizará unha “oposición seria e construtiva”.

Pedro Puy (PP)

O portavoz do PP na Cámara galega parabenizou o presidente por realizar un discurso, dixo, no que apostou polos sectores produtivos de Galiza e no que abordou os problemas reais dos galegos.

Comentarios