mércores 27.05.2020

A extrema dereita avanza a paso firme

A extrema dereita gaña terreo no Estado. Diversos expertos coinciden na análise, o éxito do seu ascenso foi a eliminación da simboloxía franquista nos seus actos para "amabilizarse". A crise da socialdemocracia en Europa e a crise territorial que vive Estado fixeron o resto. O que até o da agora era un movemento marxinal fraccionado en múltiples siglas marca a axenda política actual en España coa complicidade da meirande parte dos medios de comunicación.
Manifestación da ultra dereita en Barcelona (Jordi Borrás)
Manifestación da ultra dereita en Barcelona (Jordi Borrás)

O 12 de outubro, día da Hispanidade, e o 20 de novembro, día da mor-te do ditador Francisco Franco, eran practicamente as únicas datas marcadas no calendario onde coincidían até o de agora as diversas siglas que se resgardan no paraugas da extrema dereita. Esvásticas, cabezas rapadas, bandeiras pre-constitucionais, aguias, frechas e xugos... eran parte da escenificación das manifestacións da extrema dereita nestes dous días.

Mais a extrema dereita conseguiu penetrar por primeira vez nas institucións españolas nas últimas eleccións a través das siglas de Vox, un partido creado a finais de 2013 que tentaba aglutinar as diversas faccións disgregadas dunha extrema dereita que se consideraba marxinal, desde a Falange; MSR (Movimiento Social Republicano, con infiltración neonazis), Fuerza Nueva pero tamén persoas a título individual desencantados co Partido Popular e con cargos destacados no partido. Naquela altura, Vox tamén era residual pero unha das chaves do seu éxito foi precisamente a eliminación de toda a simboloxía franquista que sempre estivo asociada á extrema dereita. "Vox consegue sintetizar todo un franquismo sociolóxico que sempre estivo presente, sen reivindicalo". A análise faina Jordi Borràs, fotoxornalista catalán especialista nos movementos da extrema dereita. Non foi casual, nas súas filas conta con sociólogos, politólogos e especialistas en mercadotecnia política que consideraron fundamental eliminar esta propaganda para dar unha imaxe máis amábel e así favorecer os votos.

A crise interna no Partido Popular tras os escándalos de corrupción, un bipartidismo desgastado, o fracaso de Ciudadanos como operación política e un contexto europeo mundial no que a socialdemocracia entrou en crise favoreceron o caldo de cultivo para a extrema dereita.Unha extrema dereita que para Jordi Borràs nunca mar-chou: "Son os mesmos de sempre, simplemente agardaban o seu momento e a sagrada unidade de España foi a faísca que o prendeu, a través do conflito catalán" e alerta: "agora Vox marca a axenda política e non só: conseguiu algo moito peor, que todo o arco político español virara cara á dereita aproveitan-do a carreira macabra de ver quen ten a bandeira española máis grande".

Unhas siglas novas, unha estética diferente nos seus actos e a complicidade da meirande parte dos medios de comuni-cación e da maioría dos par-tidos políticos tradicionais co seu discurso favoreceron o ca-miño cara ao Congreso. Máis, segundo indica Jordi Borràs, os deputados de Vox non saíron da nada: "Practicamente é unha escisión do PP: Santiago Abascal militaba xa en Nuevas Generaciones. No PP coñeceu Vidal Quadras, fundador de Vox e presidente do PP en Catalunya até o ano 96. O resto da militancia proven da Falange, Fuerza Nueva, Democracia Nacional...".

O historiador da USC Xabier Buxeiro coincide con Jordi Borràs en que a extrema dereita está a marcar a política españo-la e sitúa a súa penetración e a do seu discurso na Transición española. Buxeiro insiste en que é fundamental aprender a recoñecer onde se esconde hoxe o discurso da extrema dereita: "O perigo da extrema dereita tanto no Estado español no ano 39, na Alemaña nazi coma na nova extrema dereita populista que se expande por Europa non son tanto as esvásticas senón como pode condicionar todo o discurso político e impor a súa folla de ruta, como está pasando agora mesmo co pin parental [censura parental] en Murcia ou co Brexit en Inglaterra".

Segundo a maioría de expertos consultados, as pedras angulares da extrema dereita a día de hoxe seguen sendo tres: a unidade territorial do Estado español, a inmigración e a loita contra o feminismo. E ao redor destas vertebran as súas políticas como o veto parental, a suspensión da autonomía a Catalunya a través da aplicación do artigo 155 permanente ou o cuestionamento da existencia da violencia machista para derrogar a lei contra a mesma.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

comentarios