Exixen desclasificar os documentos do 23-F após afirmar Tejero que o rei emérito estaba detrás

BNG, ERC, Bildu e Sumar urxen coñecer toda a documentación relativa ao intento de golpe de Estado de 1981.
O tenente coronel da Garda Civil Antonio Tejero, no Congreso dos Deputados, o 23 de febreiro de 1981 (Foto: Europa Press).
photo_camera O tenente coronel da Garda Civil Antonio Tejero, no Congreso dos Deputados, o 23 de febreiro de 1981. (Foto: Europa Press)

Esquerra Republicana, EH Bildu e o BNG rexistraron unha iniciativa conxunta no Congreso dos Deputados solicitando que se proceda a desclasificar toda a documentación relativa ao intento de golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981, logo de asegurar o tenente coronel Antonio Tejero que o rei emérito, Juan Carlos I, estaba "detrás" dese movemento militar contra a democracia. Tamén Sumar formulou unha pregunta ao Goberno español en funcións —do que fai parte a través da extinta coalición Unidas Podemos— para exixir explicacións e tamén a desclasificación dos documentos.

Nunha entrevista publicada por El Español, o condenado polo asalto ao Congreso asegura que o promoveran o agora rei emérito e mais o xeneral Alfonso Armada, que querían impor un Goberno "ao seu gusto", e gábase de que foi el quen parou a operación ao darse conta desas intencións. "Eu ao rei Juan Carlos fodino vivo", afirmou.

Os grupos asinantes da iniciativa recalcan que esa versión coincide coa do maxistrado Joaquim Bosch, quen sinala nun libro recente que, efectivamente, o que frustrou o golpe foi o rexeitamento de Tejero á lista dos integrantes do Goberno de gran coalición que presidiría Armada após depor o Executivo liderado entón pola UCD.

Para ERC, Bildu e o BNG, tras estas informacións e os máis de 40 anos transcorridos "xa non hai xustificación algunha" para non coñecer "cada detalle de cada documento, gravación e información significativa que obre en poder do Estado español" e que poida achegar luz sobre aquel episodio.

Neste contexto, buscan que o Congreso inste o Goberno a realizar todos os cambios lexislativos necesarios para desclasificar todos os documentos escritos, sonoros e de vídeo que permitan coñecer con exactitude todos os feitos relacionados co intento golpista.

Comentarios