18-F

Besteiro asume a derrota "sen paliativos" e prepárase para "construír a alternativa" desde a oposición

"Temos un compromiso inquebrantábel coa Galiza, e agora nestes catro anos traballaremos para afianzar un proxecto que sexa recoñecido pola cidadanía e construír unha alternativa", di.
Rolda de prensa de José Ramón Gómez Besteiro.
photo_camera Rolda de prensa de José Ramón Gómez Besteiro.

O Partido Socialista cae nestas eleccións ao seu mínimo histórico, pouco máis dun 14% dos votos que se traduciu en nove escanos. E o seu candidato á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, acatou o resultado das urnas como unha derrota "sen paliativos": "Non tivemos os resultados agardados. Os socialistas somos demócratas e aceptamos sen reservas o mandato das urnas".

Logo de agradecer o traballo da militancia socialista durante a campaña e a confianza de quen votaron pola súa candidatura, pouco máis de 200.000 persoas, Besteiro, que xa chamou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para felicitalo polo triunfo, asegurou que recollerá a súa acta de deputado e rematará a lexislatura como líder do PSdeG no Parlamento galego.

"Temos un compromiso inquebrantábel coa Galiza, e agora, nestes catro anos, traballaremos para afianzar un proxecto que sexa recoñecido pola cidadanía e construír unha alternativa", dixo, aceptando a derrota e salientando que non conseguiu "facer entender a importancia" destes comicios e da "necesidade dun cambio" no país.

O proxecto do PSdeG, dixo, "nace de cada pobo, cada rúa", e ten o obxectivo de que "Galiza ocupe o seu lugar e vaia a máis". "Nós facemos políticas para a maioría, que solucionan problemas, e o traballo que realizarei desde a oposición será un fiel reflexo da política útil, sen trincheiras, e cara a unha Galiza mellor", apuntou.

Besteiro chamou tamén a non resignarse e "manter viva a ilusión da campaña", pois "ningún cambio é fácil nin se fai da noite á mañá". "E nós iso sabémolo mellor que ninguén", engadiu, prometendo que, desde a oposición, non vai "defraudar" a quen confiaron no PSdeG.

Comentarios