O apoio de Sánchez garante a Besteiro a súa continuidade á fronte do PSdeG

Os resultados electorais do pasado domingo, onde o PSdeG ficou en mínimos históricos após perder cinco escanos e caer en 5,4 puntos en porcentaxe de voto, non pasarán factura a José Ramón Gómez Besteiro. O cabeza de cartel dos socialistas manterase á fronte do partido, ao contar co apoio de Pedro Sánchez e dunha parte significativa da militancia galega.

Besteiro e Sánchez nun mitin das pasada eleccións galegas.
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro e Pedro Sánchez no acto de feche da campaña das galegas na Coruña. (Foto: Europa Press)

O Partido Socialista de Galicia (PSdeG) reúne na hoxe a súa Executiva en Compostela para analizar os resultados dos comicios do 18 de febreiro e para definir as liñas de actuación para a nova lexislatura. O encontro, que se desenvolverá nun momento complicado para a formación tras a caída electoral, servirá para referendar a continuidade de José Ramón Gómez Besteiro, que segue contando para esta nova etapa co apoio do aparato estatal do partido e, moi particularmente, do presidente do Executivo do Estado, Pedro Sánchez.

A vicesecretaria xeral do PSOE e vicepresidenta primeira do Executivo estatal, María Jesús Montero, unha das persoas máis próximas a Sánchez, despexou esta terza feira calquera dúbida sobre o futuro de Besteiro e deu un toque de atención implícito a aqueles dirixentes e militantes que poderían estar tentados a promover un relevo de liderado no PSdeG. Neste sentido, as súas palabras viñeron afondar nas ideas transmitidas polo propio xefe do Executivo aos dirixentes socialistas galegos nos últimos días de campaña e na propia noite electoral.

A persoa 'axeitada'

Montero sinalou que Besteiro “é a persoa axeitada” sobre a que vai "pivotar para o futuro o cambio na Galiza" cun "proxecto ilusionante". Así, indicou que “non é unha persoa nova na política galega", que estivo apartado sete anos "por denuncias do PP que terminaron en nada" e que o apartaron do "foco político". A este respecto, asegurou que “estou convencida de que, entre outras razóns, o señor Rueda convocou anticipadamente as eleccións para non dar tempo ao señor Besteiro”.

Abel Caballero saíu, tamén esta terza feira, a apoiar a continuidade de Besteiro. As declaracións do alcalde Vigo e dirixente de referencia do PSdeG na circunscrición de Pontevedra chegaron após sinalar na segunda feira que os socialistas se atopan nunha “deriva decrecente” desde as eleccións de 2005 e de responsabilizar da baixada electoral “a dirección do PSdeG”. Así, o rexedor vigués aseverou que  "cando un partido presenta un candidato diante dos cidadáns, convén que se manteña o candidato, porque asume un compromiso coa xente".

As palabras do mandatario de Vigo situáronse na liña doutros dirixentes do PSdeG como a alcaldesa da Coruña, Inés Rei, ou o presidente da Deputación de Lugo, José Tome. Neste sentido, a maioría da dirección galega do partido defende manter a Gómez Besteiro para consolidar a formación como alternativa e aposta por desenvolver un novo proxecto, que dea continuidade ao formulado durante a campaña mais cun perfil galeguista que lles impida aparecer como unha mera sucursal do PSOE na Galiza.

Os apoios de Besteiro

Os dirixentes do PSdeG próximos a Gómez Besteiro consultados por Nós Diario sinalan que esta conta co apoio da maioría da dirección do partido nas circunscricións da Coruña, Lugo e Pontevedra. Así, un deles explica que “hai darlle tempo a Besteiro para consolidarse e non podemos permitirnos o luxo de cambiar de candidato despois de cada fracaso”. Ao tempo, destaca que “é o candidato que máis consenso suscita entre todos os sectores do partido”.

As posicións máis críticas coa dirección e co cabeza de cartel atópanse na dirección do partido na circunscrición de Ourense, e entre os sectores próximos a Gonzalo Caballero. Precisamente, un dirixente ourensán denuncia a este medio “a falta de vontade de consenso e de diálogo por parte do equipo de Besteiro, que construíu unha alternativa sen contar cunha parte do partido”.

Uns e outros, oficialistas e críticos, coinciden na necesidade de definir un novo proxecto político para Galiza e entenden que o perfil do PSdeG debe ser revisado. Nesta liña, entenden que é urxente articular unha proposta que lles permita superar a actual estrutura de baronías e visualizarse como unha formación galeguista e non como unha simple franquía do PSOE no país.

Comentarios