Os ex ministros José Branco e José Montilla optarán a continuar como conselleiros de Enagás

Branco e Montilla foron ministros durante o Goberno estatal do PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero e incorporáronse ao consello de Enagás en 2020, no que está considerado como un exemplo paradigmático de portas xiratorias.
O ex ministro socialista José Branco (Foto: Elena Fernández / Europa Press).
photo_camera O ex ministro socialista José Branco (Foto: Elena Fernández / Europa Press).

Enagás ten previsto realizar a próxima quinta feira, 21 de marzo, a súa Xunta Xeral Ordinaria de Accionistas, na que se votará a renovación como conselleiros independentes por catro anos máis dos ex ministros socialistas José Branco e José Montilla (tamen ex president da Generalitat de Catalunya).

Xunto a estes nomeamentos, proporase tamén a reelección por catro anos máis como membro do órgano reitor da compañía de Cristóbal José Gallego, que foi membro da Comisión de Expertos para a transición enerxética que impulsou o Goberno de Mariano Raxoi e do Observatorio Crítico da Enerxía afín a Podemos.

Así mesmo, votarase a continuidade do representante no consello da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) -que posúe unha participación do 5% no capital da compañía-, personificado en Bartolomeu Lora Toro.

Desta maneira, manterase o número de membros do consello de administración da compañía en 15. Branco e Montilla foron ministros durante o Goberno estatal do PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero e incorporáronse ao consello de Enagás en 2020.

Branco, que foi até o mes de xullo de 2019 deputado no Parlamento Europeo, embarcouse nunha nova experiencia como conselleiro independente en Enagás. A súa fichaxe en 2020, acompañada da de Montilla e Gallego, trátanse de casos paradigmáticos de portas xiratorias. 

Dividendos

Ademais, Enagás someterá ao seu accionariado o pagamento do dividendo de 1,74 euros por acción correspondente ao exercicio 2023. O grupo xa pagou un importe a conta de 0,696 euros por título, polo que se proporá o abono dunha retribución complementaria de 1,044 euros por acción o próximo 4 de xullo.

Finalmente, tamén se votará a aprobación a reelección da firma Ernst & Young (EY) como auditora de contas de Enagás e o seu grupo consolidado para o exercicio 2025.

Comentarios