O Parlamento Europeo debaterá a denuncia sobre a "manipulación" na CRTVG

Tras varios meses de retrasos, a petición presentada o pasado ano polo Comité Intercentros da CRTVG debaterase esta terza feira na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo.
Imaxe de arquivo da sede da CRTVG. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe de arquivo da sede da CRTVG. (Foto: Nós Diario)

Tras varios meses de retrasos, a petición presentada o pasado ano polo Comité Intercentros da CRTVG debaterase esta terza feira na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo. “Queremos trasladar todo o noso apoio desde o BNG e como eurodeputada galega contra a manipulación e contra o trato que reciben as traballadoras e os traballadores”, subliñou a representante nacionalista na Eurocámara, Ana Miranda.

Así, o Parlamento Europeo tratará "a manipulación existente na televisión e na radio públicas da Galiza" e o "incumprimento por parte do Goberno galego do Partido Popular da Directiva de Servizos de Comunicación Audiovisual, así como a falta dos principios de imparcialidade, pluralismo e non discriminación", explicou Miranda. En concreto, comparecerán dous representantes do comité de empresa para explicar os casos concretos de "manipulación" que se producen na CRTVG.

Esta denuncia, presentada por traballadores e traballadoras do ente público galego, foi declarada admisíbel pola Comisión de Peticións no mes de setembro de 2023 e desde entón "o PP manobrou en diversas ocasións para que non fose incluída na orde do día da Comisión, até que os servizos xurídicos do Parlamento Europeo deron a razón ao BNG a través do grupo Verdes-Alianza Libre Europea para que se puidera tratar antes do fin do presente mandato", engadiu a eurodeputada nacionalista.

"Puro partidismo"

De feito, a representante do BNG denunciou en reiteradas ocasións "as manobras realizadas polo PP, para vetar esta petición por puro partidismo", e pola presidenta desta Comisión, Dolors Montserrat, "pola súa clara falta de imparcialidade, impropia da función que ten encomendada".

Comentarios