Os beneficios de Iberdrola soben 3% no primeiro trimestre de 2022

A compañía enerxética informa duns beneficios de 1.058 millóns de euros que superan a contía rexistrada no mesmo período do ano anterior.
Ignacio Sánchez Galán é o presidente executivo da empresa do sector enerxético Iberdrola. (Foto: María José López / Europa Press) #iberdrola #acusación #ignaciosánchezgalán #villarejo #suborno #falsedadedocumental
photo_camera Ignacio Sánchez Galán é o presidente executivo da enerxética Iberdrola. (Foto: María José López / Europa Press)

Iberdrola obtivo un beneficio neto de 1.058 millóns de euros no primeiro trimestre de 2022, o que supón 3% máis que no mesmo período do exercicio anterior, impulsada polos seus negocios internacionais, especialmente nos EUA e o Brasil, segundo informou a compañía.

As ganancias, porén, "víronse lastradas polo negocio no Estado español", onde o seu beneficio rexistrou unha caída de 29%, até os 337 millóns de euros, afectado polos altos prezos da enerxía que non traspasou aos seus clientes a prezo fixo acordados previamente, apuntaron desde Iberdrola.

Neste senso, sinalaron que 80% da enerxía vendida aos seus clientes do mercado libre está a prezos que se sitúan "entre a metade e un terzo inferior aos prezos da tarifa regulada".

O resultado bruto de explotación (Ebitda) de Iberdrola en marzo medrou 5%, até os 2.951 millóns de euros, grazas a ese "bo comportamento" dos seus negocios internacionais. Con estes números, até marzo, a compañía ratificou a súa previsión de beneficio neto para este exercicio: entre 4.000 e 4.200 millóns de euros, e un mínimo de dividendos de 0,44 euros por acción.

Prezo fixo do gas

Precisamente por mor da escalada dos prezos da enerxía os gobernos español e portugués veñen de anunciar o principio de acordo alcanzado coa Comisión Europea (CE) para fixar un prezo medio do gas de 50 euros o megawatt hora (MW/h) durante os vindeiros 12 meses.

Deste maneira, a primeira proposta dos dous países, de 30 euros o MW/h, foi rexeitada por Bruxelas, que elevou ese limiar até os 50 euros, cun período de transición de varias semanas no que se tomarán como referencia os 40 euros mW/h.

O obxectivo tanto do Estado español como de Portugal, informou a vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, é que a medida estea en vigor, cando menos, até marzo de 2023.

Comentarios